Quim Torra, investido presidente da Generalitat mentres Cs presiona o PP para alargar o 155

O soberanismo moveu a peza que se lle exixía desde a Moncloa, a de apresentar na investidura un candidato libre de pesquisas xudiciais. Mais no taboleiro hai outros xogadores a despregar as súas estratexias e a partida non está concluída. Quim Torra xa é president da Generalitat -cos votos de JxCat e ERC e a abstención imprescindíbel da CUP-. En teoría Raxoi debería erguer agora o artigo 155, mais non o vai ter doado porque arrecian as presións en contra desde as bancadas de Cs.

nacio
photo_camera Torra, xa investido, ovacionado desde as bancadas soberanistas [Foto: NacióDigital]

O plano D de Puigdemont pasou a primeira peneira. O candidato Quim Torra obtivo a maioría simples -66 votos a prol, 65 en contra, 4 abstencións- e formalmente adquiriu xa a condición de president eleito, ao conseguir a confianza da cámara na segunda sesión da investidura [desta volta, a diferenza do sábado pasado, bastaba con alcanzar a maioría simples]. Mais Torra non será president a todos os efeitos até que o seu nomeamento sexa asinado por Filipe VI e publicado no BOE. Dese ponto de vista, a última palabra tena aínda Madrid.

De feito, Raxoi desta volta tomou a iniciativa e convocou os líderes de PSOE e Cs a senllas reunións -con Sánchez esta terza feira, con Rivera a quinta. O presidente do goberno español abre esta rolda baixo a intensa presión de Albert Rivera, para quen o Estado debe alargar o 155 en resposta á vontade de construción da República catalá expresada por Quim Torra no seu discurso. A posición do PSOE é máis ambigua, embora Ferraz -cada día máis próximo ás teses desacomplexadamente españolistas de Susana Díaz e da poderosa federación andaluza- tampouco desbota apoiar a continuidade da intervención das institucións catalás.

A Rivera xa lle vai ben con manter a tensión en Catalunya. As enquisas -a última, a publicada esta segunda feira por El País- mostran como Cs se consolida como primeira forza do taboleiro español, a aumentar a súa vantaxe sobre o PP no eleitorado da direita. Pola mesma, Raxoi podería inclinarse por baixar o pé do acelerador e por procurar unha certa distensión co soberanismo catalán. Nese sentido pode ser clave o rol que xogue Pedro Sánchez, invisíbel nos últimos meses. Ferraz está atrapado entre dous lumes, o da federación andaluza liderada por Susana Díaz e o do PSC, partidario do levantamento do 155. Co respaldo do PSOE, Raxoi podería mais facilmente facer prevalecer a súa aposta fronte ao ardor guerreiro de Rivera.

O discurso de Torra

No segundo acto da investidura, Quim Torra mostrou abertamente o que é, un dirixente independentista que asume o liderado do Govern coa intención de non facer “autonomismo”. A súa prioridade, dixo, é a de construír a República catalá e a de dar un impulso ao proceso constituínte. Que non recúe nestes postulados é a base sobre a que Ciudadanos pretende forxar o seu caso contra Torra e a súa pretensión de alargar o 155.

Que entende Torra por proceso constituínte? Basicamente unha dinámica con dous elos. O primeiro, a plena restitución do autogoberno, isto é, a anulación do 155. O segundo, o avanzo cara o que cualificou de “máxima expresión da democracia”, val dicer, a elaboración dunha Constitución, republicana, para Catalunya.

Quim Torra esforzouse por comparecer desde a tribuna como o president de todas e de todos os cataláns e nese sentido afirmou que “defender a República é apostar nos 7 millóns e medios de cataláns”. O ton do seu discurso adquiriu tons máis conciliadores co bloco non soberanista do que na sesión do sábado, até o ponto de mostrar o seu arrepentimento por determinadas mensaxes que no pasado verteu nas redes sociais, tidas como supremacistas polo españolismo. “Temos de recoñecer que algunhas cousas non as fixemos ben”, dixo en rexisto autocrítico, sen concretizar, porén, a que se refería.


En todo caso, si quixo deixar moi claro Torra que non se sente incómodo pola súa autoproclamada condición de president provisario e, destarte, voltou a afirmar a súa lealdade a quen considera o president lexítimo do país, Carles Puigdemont.

Canto ás outras forzas, o debate de investidura foi polo rego do previsíbel. Inés Arrimadas (Cs), moi no seu papel de chefa do unionismo, declarou enfática que “nen vosté [por Torra] nen ningún outro nos vai levar cara a ningunha República”, en tanto que Miquel Iceta (PSC) instaba o candidato a president a “non provocar” un novo 155. Nas bancadas independentistas,  Sergi Sabrià (ERC) fixo votos por construír un país onde "a liberdade saia da prisión e nela entre de vez a corrupción", en tanto que o portavoz da CUP, Carles Riera, proclamou que a súa abstención se debe unica e exclusivamente á "lealdade ao 1-O". Mais aí fica todo o respaldo ao bloco JxCAT-ERC. A formación anticapitalista, enfatizou, pasa a partir de agora á oposición, visando "propor e construír políticas republicanas" co propósito de "manter o conflito democrático co estado" e á vez "oporse con firmeza ao retorno ao autonomismo".

Comentarios