Pai 'ultra', irmán xuíz e el acusado de torturas: quen é Pérez de los Cobos?

O Supremo acepta o recurso do coronel da Garda Civil e declara a nulidade do seu cesamento en maio de 2020 como responsábel do corpo policial en Madrid. Este é o seu longo historial.
Pérez de los Cobos foi citado a declarar en 2020 como responsábel do operativo policial despregado en Catalunya no marco do referendo do 1-O. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pérez de los Cobos foi citado a declarar en 2019 como responsábel do operativo policial despregado en Catalunya no marco do referendo do 1-O. (Foto: Europa Press)

O coronel Diego Pérez de los Cobos protagoniza hoxe os titulares da prensa de todo o Estado español após coñecerse que o Tribunal Supremo vén de darlle a razón anulando o seu cesamento, en maio de 2020, alegando o Ministerio do Interior "perda de confianza" neste alto cargo da Garda Civil, daquela responsábel da Comandancia da Comunidade de Madrid. O Supremo ratifica así a sentenza previa da Audiencia Nacional que en 2021 declaraba "ilegal" a decisión de Fernando Grande-Marlaska, especialmente cuestionada desde a oposición ao entender que a destitución respondía a motivos estritamente políticos, por "non informar os seus superiores" das investigacións xudiciais en curso sobre o Goberno.

Estas investigacións incluían un informe policial con "graves acusacións" a Fernando Simón —segundo desvelaron medios como El País— no marco das manifestacións autorizadas polo 8-M, días antes de declararse o estado de alarma pola pandemia da Covid-19. Desde Interior esgrimían a "falta de neutralidade política" de Pérez de los Cobos, a quen acusaban de estar detrás desas "valoracións subxectivas" que contiña o informe.

Referendo do 1-O

Previamente, en 2017, o coronel fora coñecido en Catalunya por ser o home elixido para coordinar o dispositivo policial despregado co gallo do referendo independentista do 1 de outubro, sendo a cabeza visíbel de Garda Civil, Policía Nacional e Mossos d'Esquadra. Dous anos despois compareceu en calidade de testemuña no xuízo do procés.

Á cúpula do Ministerio do Interior accedera en 2006 da man do daquela titular desta carteira, o socialista Alfredo Pérez Rubalcaba, que o nomeara vogal asesor do seu gabinete. Tamén durante a presidencia de José Luis Rodríguez Zapatero, o coronel foi elixido director do gabinete de coordinación da Secretaría de Estado de Seguridade, cargo que mantivo —un dos poucos que o conseguiron— após o desembarco en Moncloa do equipo de Mariano Raxoi.

Pai 'ultra' e irmán xuíz

O apelido Pérez de los Cobos transcende no Estado español alén da figura deste garda civil. Nas eleccións xerais de 1977, as primeiras tras a morte do ditador Francisco Franco, o pai de Diego, Antonio, liderou a candidatura en Murcia da formación de extrema dereita Fuerza Nueva, fundada por Blas Piñar. E o seu irmán, Francisco, presidiu o Tribunal Constitucional entre 2013 e 2017, após a primeira vitoria nas urnas do PP de Mariano Raxoi, en 2011.

Xuízo por torturas

Diego Pérez de los Cobos foi destinado a Euskal Herria nos seus primeiros anos no corpo policial. Alí fixo parte do amplo operativo despregado polas autoridades españolas contra ETA e formou parte dos episodios máis escuros da chamada 'guerra sucia' do Estado. En 1994 foi acusado en sede xudicial de cometer actos de tortura contra o membro de ETA Kepa Urra Guridi, que denunciara que fora detido pola Garda Civil e posteriormente trasladado a un campo no que o deixaron practicamente espido de cintura para abaixo e que logo foi golpeado reiteradamente.

Segundo os informes que transcenderon tempo despois, no marco dunha denuncia de Amnistía Internacional ante a ONU, o médico que atendeu Guridi no cuartel declarou logo que vira "un home que xacía inconsciente no chan, respirando aceleradamente, con marcas na faciana, os ollos e os pulsos, e que sangrara recentemente pola farinxe, o nariz e a boca". Unha vez no hospital, dous gardas civís —un deles sería Pérez de los Cobos— irromperon na súa habitación e tamén, segundo a denuncia, sería golpeado por eles.

Finalmente foi absolto do delito de tortura que se lle imputaba ao considerar o tribunal que non quedara "acreditado" que exercese algún tipo de malos tratos contra Kepa Urra Guridi. Porén, durante o xuízo o maxistrado entendera "acreditadas" esas lesións e afirmara que se acharan "indicios de criminalidade". "Non se pode exixir máis indicio ao denunciante que a súa declaración, xa que tal e como di que se produciron os feitos, dificilmente pode achegar máis probas", afirmara entón.

Outro acusado de pertencer a ETA, Pello Alcantarilla, foi detido en 2004 pola Garda Civil e, segundo desvelou recentemente ao xornal Berria, foi torturado por un grupo de axentes entre os que se atopaba, afirmou, o propio Pérez de los Cobos: "Mentres me torturaban, aí estaba el. Eu vino".

Comentarios