Por que en Ucraína pintan, ispen e atan persoas a sinais de tráfico e árbores?

Inzan nas redes sociais vídeos e imaxes de persoas civís sufrindo humillacións en público.
Unha civil atada a un farol, presuntamente por ser xitana (Foto: Geoblock / @bunkertud).
photo_camera Unha civil atada a un farol, presuntamente por ser xitana (Foto: Geoblock / @bunkertud).

Nas últimas datas centos de persoas denunciaron a través das redes sociais a vulneración dos dereitos fundamentais que se está a producir en diferentes cidades de Ucraína como a propia capital, Kíiv.

Os sectores máis radicais da resistencia ucraína e persoas pertencentes a colectivos neonazis, de forma recorrente, ispen, pintan e atan persoas a árbores ou sinais de tráfico para nalgúns casos mesmo chegar a azoutalas en público.

Mais, cal é a causa destas accións que buscan un 'escarmento' público? Varios xornalistas afirman que podería tratarse de civís que toman a xustiza pola man e castigan "merodeadores e delincuentes", mesmo de nacionalidade ucraína.

Outras fontes, en cambio, apuntan a que se trataría de castigos infrinxidos aos rusos e os civís 'disidentes'. De feito, a ONG Human Rights Watch apercibiu o Goberno ucraíno por permitir a difusión de vídeos de soldados rusos capturados e humillados, xa que iso "viola os acordos da Convención de Xenebra".

Porén, nas últimas horas diferentes fontes sinalaron que a aparición de mulleres atadas e coa cara pintada de verde sería unha represalia ás persoas xitanas.

O historiador Lucio Martínez Pereda ratifica esta teoría, que apón ao auxe do nazismo en Ucraína, a través do seu perfil en Twitter: "Os casos de mulleres xitanas, marcadas de verde, castigadas co método represivo do 'taboleiro público da denuncia', están a ser abondosas: prodúcense coa asistencia de policías e militares, tal e como proban as imaxes".

Neste senso, incide en que este castigo, "ao fío do que facían os fascismos", busca "producir unha penalidade directa, mais tamén provocar humillación psicolóxica en espazos públicos para que a marca desta humillación faga parte da visión que a comunidade vai ter da muller castigada".

Lembra, aliás, que o ditador Francisco Franco ordenaba "raparlles o pelo e facelas pasear pola rúa maior mentres unha banda de música tocaba himnos patrióticos para atraer o xentío".

Comentarios