Catalunya

A ONU condena o Estado español por violar os dereitos políticos de Puigdemont

O Comité dos Dereitos Humanos condena a suspensión de Puigdemont e afirma que vai contra "a esencia do goberno democrático".
Carles Puigdemont intervindo no Parlamento europeo. (Foto: VilaWeb)
photo_camera Carles Puigdemont intervindo no Parlamento europeo. (Foto: VilaWeb)

Novo revés da ONU contra o Estado español pola represión ao independentismo catalán. O Comité dos Dereitos Humanos vén de condenar España por violar os dereitos políticos do president Carles Puigdemont cando se decretou a súa suspensión como diputado en 2018 sen motivos "razoábeis e obxectivos". Neste senso, lembra que "a suspensión excepcional de funcións públicas" imposta antes dunha condena xudicial debe cumprir unhas exixencias "máis estritas que as aplicadas con posterioridade da condena".

Agora, o comité dá un prazo de 180 días para que o Estado español tome as medidas necesarias e difunda a condena. "O Estado ten a obriga de adoptar todas as medidas necesarias para evitar que se cometan violacións de dereitos semellantes no futuro", afirma.

Segundo o ditame, España violou o artigo 25 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, é dicir, o dereito de presentarse e de ser elixido nunhas eleccións e de exercer como representante público. "É a esencia do goberno democrático", di o comité, que engade: "Todos os cidadáns teñen o dereito de participar na dirección dos asuntos políticos directamente ou por medio de representantes elixidos libremente".

Así pois, o ditame non só certifica que se violaron os dereitos de Puigdemont, senón que de rebote constata que se violaron os dos cidadáns que o votaran nas eleccións do 21 de decembro de 2017. Sobre a investidura falida de xaneiro de 2018, porén, o comité considera que non se lle violaron os dereitos co requisito de que fose presencial.

A causa 'Puigdemont contra España' comezou en marzo de 2018, cando o equipo legal do presidente, encabezado polo avogado Ben Emmerson e co apoio de Josep Costa, Gonzalo Boye, Neus Torbisco-Casals e Nico Krisch, presentou a demanda diante do Comité dos Dereitos Humanos.

Hai poucos meses que se pronunciou a Xustiza europea de forma clara sobre as peticións das euroordes dos exiliados. O TXUE sentenciou que unha petición de extradición podía rexeitarse se a persoa requirida pertencía a un "grupo obxectivamente identificábel de persoas" e, nesta condición, existe risco de vulneración dos seus dereitos humanos.

Non é a primeira vez que a ONU se pronuncia sobre a situación dos represaliados cataláns. O Grupo de Detencións Arbitrarias exixiu a liberación dos presos políticos e o propio Comité dos Dereitos Humanos condenou España por vulnerar os dereitos políticos de Oriol Junqueras, Josep Rull, Jordi Turull e Raül Romeva , cando foron suspendidos como deputados despois das eleccións do 21 de decembro de 2017.

Por outra parte, o comité tamén ten pendente estudar outra demanda polos impedimentos e coaccións do Tribunal Constitucional español para impedir a investidura de Puigdemont. Presentouna o ex vicepresidente do Parlament Josep Costa, por mor das ameazas que recibiu de acción criminal, mesmo de prisión, do goberno e o Constitucional españois.

O Comité de Dereitos Humanos ten unha xurisdición equiparábel á do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH), e emite uns ditames que son de obrigado cumprimento por parte do Estado español, que, desde 1977, é asinante do Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos.

Comentarios