Llarena retira a euroorde contra Puigdemont por sedición pero mantén os cargos por malversación e desobediencia

O xuíz do Supremo deixa tamén en vigor as ordes de busca e captura do ex president e os ex conselleiros Toni Comín e Lluís Puig.
Carles Puigdemont, durante a sesión plenaria da Eurocámara que suspendeu a súa inmunidade. (Foto: Benoit Doppagne / Europa Press)
photo_camera Carles Puigdemont, durante a sesión plenaria da Eurocámara que suspendeu a súa inmunidade. (Foto: Benoit Doppagne / Europa Press)

O maxistrado do Tribunal Supremo (TS) Pablo Llarena vén de suprimir o delito de sedición do procesamento contra o ex presidente catalán Carles Puigdemont mais mantén os delitos de desobediencia e malversación, á vez que deixa sen efecto a euroorde ditada contra o líder independentista.

Segundo informou o alto tribunal esta quinta feira, o instrutor do procés considera que a derrogación da sedición expón un "contexto próximo á despenalización" dos feitos investigados, ao non encaixar no novo delito de desordes públicas agravadas. O maxistrado deixa sen efecto as euroordes actuais por sedición, pero mantén aínda as ordes de busca e captura ditadas contra Puigdemont e os ex conselleiros Toni Comín e Lluís Puig por malversación e desobediencia.

Aliás, pospón a decisión de emitir unha nova euroorde contra Puigdemont e os outros dous acusados de malversación á resolución dos tribunais da Unión Europea sobre a inmunidade parlamentaria e a cuestión prexudicial. Cómpre lembrar que as euroordes xa estaban en suspenso á espera de que se pronunciase a Xustiza europea.

No que atinxe ao caso da secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, e a ex conselleira Clara Ponsatí, o delito polo que están procesadas pasa a ser o de desobediencia.

A decisión do maxistrado Llarena ten lugar logo de que esta mesma quinta feira entrase en vigor a reforma do Código penal pola que se derroga o delito de sedición, polo que estaban procesados Puigdemont, Comín, Ponsatí e Rovira.

O instrutor entende que os feitos da causa relacionados co mesmo son subsumíbeis agora nun delito de desobediencia, xa que considera que non encaixan no delito de desordes públicas, nin na súa nova formulación nin na vixente no momento dos feitos.

Así as cousas, o xuíz afirma que non debe modificarse, senón manterse, o procesamento de Puigdemont, Comín e Puig por un delito de malversación de fondos públicos, ao considerar que a reforma do devandito delito non afecta os feitos investigados no sentido de eliminar ou minorar a pena prevista na tipificación que hoxe se derroga.

Comentarios