venres 30/10/20

PSOE e Podemos rexistran unha reforma para desbloquear a renovación do Poder Xudicial

Até 12 vogalías do Consello Xeral do Poder Xudicial serían, coa reforma de PSOE e Podemos, nomeadas por maioría absoluta nunha segunda votación no Congreso e no Senado, fronte aos tres quintos necesarios que marca a lei actualmente. Desta maneira saltaríase o bloqueo do PP á renovación do Poder Xudicial, que se resiste a perder nel a súa maoría. 
Carlos Lesmes, nunha imaxe de arquivo, presidindo o pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial.
Carlos Lesmes, nunha imaxe de arquivo, presidindo o pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (Imaxe: Ricardo Rubio / Europa Press)

En dous meses, desde a súa toma en consideración, poderá estar en vigor a reforma do Poder Xudicial que esta terza feira, 13 de outubro, rexistraron os dous partidos que conforman o Goberno estatal, o PSOE e Unidas Podemos.

Ambos están convencidos de que a proposta contará coa aprobación da Cámara, pois 188 deputadas e deputados xa asinaron un comunicado conxunto exixindo a superación do bloqueo no Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Ao seren partidos e non o propio Goberno quen rexistra a reforma da lei orgánica do CXPX, esta non require dun informe previo do Consello de Estado ao non ser un proxecto que emane do Executivo, o cal axiliza os prazos. 

Mudanzas no sistema

A proposta rexistrada mantén o mesmo mecanismo que xa había para a designación de oito dos membros do CXPX, que teñen que ser xuristas de recoñecido prestixio con máis de 15 anos de carreira profesional. Alterar isto implicaría reformar a Constitución, polo que o Congreso e o Senado seguirán elixindo 4 integrantes, cada un por maioría cualificada (tres quintos de cada unha das Cámaras).

O cambio vén na elección de 12 membros procedentes da carreira xudicial. A Constitución marca que a súa designación se regula por lei orgánica, e de aí esta proposta. Actualmente Congreso e Senado elixen por tres quintos seis membros en cada Cámara. A reforma mantén iso mesmo, mais engade que, de fracasar a primeira votación, efectuarase outra 48 horas despois na que os membros poderán ser designados por maioría absoluta. 

O texto dos partidos do Goberno tamén formula a limitación das funcións do CXPX cando o seu mandato estea caducado, para que non poida designar prazas en audiencias provinciais e en tribunais superiores, tal e como fixo hai unha semana este organismo que dirixe o conservador Carlos Lesmes. Así, as súas funcións quedarían limitadas a temas de trámite ordinario. Unidas Podemos foi moi crítica cos nomeamentos efectuados polo actual Goberno dos xuíces, sobre todo os últimos acometidos no  Supremo, e reclamara xa cambios para restrinxir as súas prerrogativas cando se excedese o tempo de mandato. 

Aliás, a reforma tamén inclúe que se poidan incorporar os vogais que foran consensuados por unha das dúas Cámaras, de atrasárense os nomeamentos na outra de non haber consenso.
Adriana Lastra, portavoz do PSOE, anunciou que esta proposta procura evitar o bloqueo do Poder Xudicial, tal e como acontece agora debido a que o PP non quere perder a maioría da que goza e que provén da época de Mariano Raxoi, cando os populares tiñan o dobre de escanos que na actualidade.

Esa composición hai dous anos que caducou e que debería terse adecuado á nova correlación de forzas nas Cortes Xerais, mais os conservadores néganse a actualizala. E é que o xogo político xa hai anos que pasou das Cámaras á xudicialización, sendo o último caso máis salientábel a inhabilitación do president de Catalunya, Quim Torra, avalada polo Tribunal Supremo español.  
O líder popular, Pablo Casado, deixou claro que o seu partido non permitirá que o Goberno siga adiante con esa reforma, e anunciou que de ir avante recorrerán ao Tribunal Constitucional e a instancias da Unión Europea. 

Para as asociacións conservadoras é inconstitucional 

A reforma da lei de nomeamentos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) foi recibida con críticas tanto desde ese mesmo órgano, que ten unha maioría conservadora e unionista, como por moitas asociacións de xuristas, que chegaron a cualificar a proposta do PSOE e Unidas Podemos de inconstitucional, pese a que a propia Constitución marca que os nomeamentos se regulan por lei orgánica.

A maioritaria Asociación Profesional da Maxistratura amosouse contraria ao texto, e o seu portavoz Manuel Almenar sinalou que é unha modificación "abertamente inconstitucional" porque infrinxe o disposto na Carta Magna, que fixa as maiorías cualificadas necesarias nas Cortes. Xuízas e Xuíces pola Democracia si ven ben a proposta como alternativa ao bloqueo actual do CXPX.

comentarios