Quim Torra reclama á Xustiza que suspenda a súa inhabilitación

O ex presidente da Generalitat xustifica a súa petición por un erro ao declarar a firmeza da condena e entende que a execución debe agardar até que o Tribunal Constitucional resolva o seu recurso.

torra, generalitat, catalunya
photo_camera Quim Torra na sesión plenaria de hoxe. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

A defensa do ex presidente da Generalitat Quim Torra elevou esta cuarta feira unha petición ao Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) para que manteña sen executar a sentenza do Tribunal Supremo que o inhabilitou para o cargo. Os letrados consideran que é unha petición viábel dado que hai un recurso interposto a ese auto.

En concreto, no recurso de súplica ao que tivo acceso Europa Press, o avogado Gonzalo Boye demanda que se deixe sen efecto a sentenza do luns por un delito de desobediencia.

Desde o seu punto de vista, o auto do Superior catalán declara a firmeza da sentenza do Supremo pero “sen terse declarado a firmeza da sentenza do TSJC, que condenou a Torra” antes. Concretamente o 19 de decembro de 2019.

Desde ese recuncho legal, o defensor do político defende que existe unha “nulidade manifesta na execución efectuada o luns”, ao xestionarse sen antes oficializar a sentenza condenatoria.

“Non sendo declarada a firmeza da indicada sentenza de 19 de decembro de 2019 ditada por esta sala, en modo algún procedía a súa execución, téndose producido a enésima vulneración palmaria dos dereitos fundamentais”, subliña no escrito.

Nesta situación, o que demanda é que haxa unha suspensión da inhabilitación até que haxa un pronunciamento do Tribunal Constitucional sobre o recurso de amparo que presentou Torra.

O defensor pide “prudencia” debido “ás graves consecuencias que ten a execución dunha condea de inhabilitación, non só para Quim Torra, senón para o conxunto do sistema institucional da Generalitat”.

Comentarios