martes 29/09/20

O poder xudicial leva dous anos de atraso na súa renovación

O ano xudicial abriuse onte no Tribunal Supremo baixo a Presidencia do rei, Felipe VI, e coa disputa entre PSOE e PP pola falla de acordo para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, que ten o seu máximo representante, Carlos Lesmes, con dous anos de prórroga desde a fin do 
seu mandato. 
O presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Lesmes, no acto de onte no Supremo.  (Foto: Europa Press).
O presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Lesmes, no acto de onte no Supremo. (Foto: Europa Press).

O presidente do Tribunal Supremo (TS) e do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), Carlos  Lesmes, sinalou onte, durante a apertura do ano xudicial na sede do Supremo, que a parálise na renovación do órgano de maxistradas e maxistrados representa "unha seria anomalía" e lembrou que a Constitución española fixa en cinco anos a duración de cada mandato.

"Véxome na obriga de exhortar novamente aos poderes públicos concernidos a renovar a institución sen maiores dilacións", apuntou. De feito, o mandato do propio Lesmes á fronte do CXPX leva case dous anos de prórroga, xa que caducou o 4 de decembro de 2018. Fora daquela cando se acordara que o maxistrado Manuel Marchena substituiría Lemes, mais a operación viuse abaixo ao transcender publicamente unha mensaxe en que Ignacio Cosidó, portavoz do PP na Cámara Alta, presumía de que con Marchena a dereita seguiría a controlar "pola porta de atrás" o sala do TS que xulgaría as e os líderes sociais e políticos soberanistas cataláns na causa contra o procés. 

O PP subliñou onte nun comunicado público que foron os ataques do vicepresidente segundo do Goberno e líder de Podemos, Pablo Iglesias, ao rei Felipe VI tras coñecerse a saída de España do seu pai, Juan Carlos I, os que frustraron a negociación para a renovación do CXPX.

Desta forma responderon os populares ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, logo de que na mañá de onte este revelase que o líder do PP, Pablo Casado, se comprometera no verán "ao 99%" a renovar institucións como as do Poder Xudicial. De feito, Sánchez acusou Casado de "romper a súa palabra". Segundo o comunicado do PP, Casado transmitiu á Moncloa que, "co Goberno arremetendo contra a Xefatura do Estado, o pacto de renovación institucional non podía avanzar".

No acto de apertura do ano xudicial, a fiscala xeral do Estado, Dolores Delgado, fixo balance e ao falar do caso do procés, defendeu que se tratou dun exemplo de "normalidade institucional" e de aplicación da "legalidade".

Así mesmo, anunciou que haberá “nos próximos días” unha instrución que aborde o tratamento do “fenómeno delitivo das ocupacións de morada”, cuestión que colocou como prioridade.

Felipe VI obvia a fuga de seu pai no arranque do curso no Supremo

Entre vivas ao rei, Felipe VI de Borbón entrou na sede do Tribunal Supremo para presidir o acto de inicio do ano xudicial, como marca o protocolo, aínda que non pronunciou ningún discurso e a situación do seu pai, o rei emérito Juan Carlos I de Borbón, ficou fóra de plano. Precisamente, as e os fiscais do TS manteñen unha investigación aberta para delimitar as actividades ilícitas de Juan Carlos I e para dirimir ademais se estas estarían ou non protexidas pola inmunidade que tiña cando era xefe de Estado.

Quen non estivo na apertura do ano xudicial foi precisamente o emérito, xa que desde inicios de agosto se atopa fuxido nos Emiratos Árabes Unidos após verse rodeado polas investigacións que iniciou a Fiscalía suíza para esclarecer se branqueou cartos a través da súa ex parella Corinna Larsen. 

comentarios