domingo 09/05/21

O presidente chileno, Sebastián Piñera, denunciado no Tribunal Penal Internacional

O ex xuíz Baltasar Garzón, canda a varias asociacións de dereitos humanos acusa o mandatario e varios ministros de crimes de lesa humanidade.

EuropaPress_3481121_bandera_mapuche_recientes_manifestaciones_celebradas_chile_contra_gobierno
Bandera mapuche durante unha das xornadas de protesta en Chile, en novembro de 2020 (Foto: Matías Basualdo / ZUMA)

O ex maxistrado español Baltasar Garzón, xunto á Comisión Chilena de Dereitos Humanos (CHDH), á Asociación Americana de Xuristas (AAJ) e ao Centro di Ricerca ed Elaborazione per a Democrazia (CRED), presentaron unha denuncia ante a fiscalía do Tribunal Penal Internacional (TPI) para que inicie unha investigación en contra do presidente de Chile, Sebastián Piñera. A demanda sinala o mandatario pola súa suposta participación na comisión de crimes de lesa humanidade, acontecidos desde o estalido social no país en outubro de 2019.

Na acusación tamén se inclúe os xenerais directores de Carabineros ─a forza policial chilena─ e os seus altos mandos; os ministros do Interior e de Seguridade Pública, os ministros de Defensa Nacional e os respectivos subsecretarios, que ocuparon eses cargos desde outubro de 2019 até abril de 2021.

A través dun comunicado publicado esta quinta feira, a CHDH sinalou: "Decidimos recorrer ao TPI porque as vítimas, os seus familiares, a sociedade chilena no seu conxunto e toda a humanidade, teñen o dereito e o deber de o facer, cando os órganos e poderes do Estado chileno, incumpriron a súa obriga de investigar, xulgar e sancionar os responsábeis".

E continúa, apelando ao Estatuto de Roma, que "os homicidios, a tortura, a tortura sexual, os traumas oculares, mutilacións e perdas de visión, as lesións graves, as detencións arbitrarias, cometidas por axentes estatais en contra de miles de habitantes do noso país, no marco da aplicación dunha política de violacións masivas, graves e sistemáticas dos dereitos humanos, moitas delas constitutivas de crimes de lesa humanidade, non poden quedar na impunidade".

"Tivemos especialmente en conta, o grave incumprimento do Goberno ás recomendacións que a oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (Acnudh), formulou no mes de decembro de 2019, ao constatar que as políticas represivas ordenadas e consentidas polo Presidente da República, e implementadas polos xenerais directores de Carabineros de Chile e os seus altos mandos; os ministros do Interior e Seguridade Pública; ministros de Defensa, e subsecretarios respectivos, continúan sistematicamente danando gravemente a poboación civil, os habitantes dos sectores máis vulnerados, así como os habitantes do histórico territorio Wallmapu (territorio habitado polo pobo mapuche), sendo demostrado que os ataques á poboación civil por parte dos axentes do Estado, desde o mes de outubro de 2019 ao mes de abril de 2021, persistiron mediante patróns de conduta apartados dos estándares internacionais sobre o uso da forza e o respecto aos dereitos humanos", continúa o escrito.

Outras denuncias

A comisión tamén anunciou no comunicado que "tivemos especialmente presente, a asimétrica resposta dos Tribunais de Xustiza de Chile, que se expresou en impor e manter medidas cautelares de prisión preventiva a miles de manifestantes da revolta social, e en cambio, liberou de responsabilidade os axentes do Estado e autoridades dos altos mandos e autoridades civís aquiescentes, involucradas nas violacións masivas, graves e sistemáticas cometidas desde outubro de 2019 até a data".

"Así mesmo, consideramos a omisión que fixo o Ministerio Público do seu deber constitucional e legal de investigar, ao dispoñer a clausura de máis de 55% das investigacións que se orixinan por denuncias por violacións aos dereitos humanos cometidos por axentes do Estado, impedindo con iso, o acceso das vítimas ao dereito á xustiza".

comentarios