O PSOE continúa como primeira forza no barómetro de maio que esta terza feira, día 19, publicou o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). Neste estudo, o segundo do CIS publicado desde o estoupido da crise do coronavirus, o Partido Socialista alcanzaría 31,1% do apoio, 3 puntos por riba do logrado nas eleccións estatais de novembro mais continuaría a caer respecto do apoio que lle daba o CIS en marzo (31,9) e en abril (31,2), aínda que a baixada agora sexa máis suavizada.
A formación de Pedro Sánchez ampliaría ademais a súa vantaxe sobre o Partido Popular, xa que este caería case un punto. Con respecto á enquisa de abril, tamén baixa Vox, que rexistra 11,3%. As socias de Goberno de Pedro Sánchez, Unidas Podemos, continúan a descender, ficando agora en 11,5% de apoio. Pola contra, Ciudadanos sobe até 10,5%.
O Bloque Nacionalista Galego mantén o mesmo nivel de apoio logrado no barómetro de abril e nas eleccións estatais de novembro, cando recuperou escano no Congreso.
As forzas nacionalistas vascas experimentan unha lixeira subida respecto dos resultados do estudo do mes pasado. Euskal Herria Bildu aumenta o seu apoio en 0,2 e PNV en 0,1. Tanto Esquerra Republicana de Catalunya como Junts sofren un retroceso.
En canto á valoración de líderes políticos, Pedro Sánchez perdería o aprobado que o CIS lle deu en abril e ficaría cunha nota de 4,9. Ségueo con 4,3 Inés Arrimadas. Por baixo do 4, están Pablo Casado, Pablo Iglesias; que descenden escasas décimas respecto a abril, e Santiago Abascal que baixa até o 2,6.
Desemprego e COVID-19
O desemprego recuperou o liderado da lista de problemas do Estado español, seguido na segunda posición pola economía en xeral e desprazando ao terceiro lugar da táboa o coronavirus. En concreto, o desemprego é mencionado como a principal preocupación en 41,2% dos cuestionarios, subindo cinco puntos respecto ao barómetro de abril, aínda que sen chegar ás cifras que rexistraba antes do estalido da pandemia.
As alusións á crise económica baixan dúas décimas e quedan en 38.9%, repetindo como segundo problema, e superando en 10 puntos o seu rexistro do mes de marzo, anterior ao confinamento.
A inquietude pola enfermidade cae do primeiro ao terceiro posto deixándose polo camiño 14,5 puntos e situándose en 34,8%.