martes 31.03.2020

O PSOE subiría e distanciaríase do PP segundo o novo barómetro do CIS

O barómetro de marzo do CIS sinala que o PSOE continúa a subir en intención de voto e amplía distancia co PP. As preguntas foron realizadas con anterioridade a que se dectretase o estado de alarma. A sanidade bate récord e sitúase como terceira preocupación da poboación do Estado español.
O presidente do Goberno español e líder do PSOE Pedro Sánchez (Imaxe: Europa Press)
O presidente do Goberno español e líder do PSOE Pedro Sánchez (Imaxe: Europa Press)

A nova entrega do barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), con entrevistas realizadas antes de que se decretase o estado de alarma polo coronavirus, marca unha nova subida do PSOE en estimación de voto. De realizárense hoxe as eleccións xerais, o Partido Socialista obtería pois 31,9% do voto, un punto máis que no barómetro de febreiro e catro a maiores respecto dos comicios xerais do 10 de novembro. Pedro Sánchez tería así unha distancia co Partido Popular de 12,3 puntos. O PP quedaría en 19,6%, fronte a 20,8% que lograran nas urnas. 

Estimación de voto para as próximas eleccións no Estado.Quen se mantería igual respecto aos comicios é Unidas Podemos, que obtería 12,9% de apoio, estancándose así o ascenso que experimentara nas enquisas publicadas após o pacto de Goberno co PSOE. Vox mantería a terceira praza con 14,8%, 1,4 puntos máis que o mes anterior, pero aínda por baixo do resultado das urnas. 
Ciudadanos segue no quinto posto e, aínda que baixa case un punto nun mes, neste barómetro do CIS aínda se mantén por riba do obtido o 10-N. 

No campo soberanista medraría o BNG, pasando do 0,5% colleitado en novemebro a agora ter 0,6%. Baixaría ERC, que obtería 2,4% e Junts, que ficaría en 1,2%, case a metade do seu resultado do 10-N. A CUP tamén descendería.
O PNV estaría en 1,5% e Bildu en 1,2%, niveis moi similares aos do 10 de novembro.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, mantense como o líder mellor valorado, cunha nota de 4,4. Sígueno Pablo Iglesias (UP) e Pablo Casado (PP), con 3,5 puntos. 

Na Galiza, no caso de realizárense eleccións estatais agora, o PP obtería 23,7% do voto, atendendo aos datos que o CIS recolle en voto+simpatía. Case empataría pois co PSOE, que tería 22,2%. Seguirían Podemos (11,9) e  BNG (6,7).

Sanidade

A sanidade colocouse como terceira preocupación no Estado a principios de marzo, segundo os datos do CIS, alcanzando así o seu récord de mencións en toda a serie histórica, rozando 20% e escalando catro postos na clasificación. Ademais, a saúde colócase tamén como terceira inquietude a nivel persoal, con 18,4% de mencións. 

O desemprego continúa na cúspide da escala de preocupacións, seguido dos problemas de índole económica.  

comentarios