Portugal decide nunhas eleccións nas que a ultradereita podería ser determinante

A dereita podería recupar o poder tras ser derrocada na Revolución dos Cravos, que este 2024 celebra o seu 50 aniversario
Papeleta das eleccións á Asamblea da República, para a XV Lexislatura de Portugal, en xaneiro de 2022. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Papeleta das eleccións á Asamblea da República, para a XV Lexislatura de Portugal, en xaneiro de 2022. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os colexios electorais de Portugal abriron as súas portas ás 8 horas deste domingo (as 9 horas na Galiza) para elixir novo primeiro ministro entre os dous principais favoritos, o candidato do Partido Socialista (PS), Pedro Nuno Santos, e o da dereita, Luís Montenegro, da Aliança Democrática (AD), coalición que une os conservadores Partido Social Democrata (PSD), CDS-Partido Popular e Partido Popular Monárquico.

Os comicios están marcados pola inesperada renuncia do primeiro ministro, António Costa, por un caso de corrupción que o sinalou de maneira errónea e que marcou o final dunha maioría absoluta socialista difícil de revalidar nestas eleccións.

As enquisas estiveron durante días flutuando entre Santos e Montenegro sen que ningún dos dous bloques, anticipan as sondaxes, estea capacitado para obter os votos suficientes para lograr unha maioría que se sitúa en 116 escanos dos 230 que conforman a Asemblea da República.

Neste contexto, a ultradereita portuguesa ameaza con ser determinante e as eleccións deste domingo poden supor a volta da extrema dereita ao Goberno portugués tras ser derrocada na Revolución dos Cravos, que este 2024 celebra o seu 50 aniversario.

O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, advertiu este sábado, en plena xornada de reflexión para as eleccións anticipadas do domingo, de que non pode haber “voto desperdiciado cando máis falta fai”.

“Só o voso voto decide. Só o voso voto escolle. Só o voso voto é palabra final”, apuntou o mandatario nunha mensaxe á nación. Así, pediu votar “pensando no voso futuro, no futuro das vosas crianzas e das vosas netas e netos”.

Comentarios