Polonia pide a Alemaña 1,3 billóns para compensar danos da II Guerra Mundial

Autoridades polacas ameazan con "avergoñar" as xermanas se non pagan.
Monumento en homenaxe ao levantamento de Varsovia. (Foto: Marek Kacir)
photo_camera Monumento en homenaxe ao levantamento de Varsovia. (Foto: Marek Kacir)

As autoridades de Polonia "ameazaron" esta segunda feira o Goberno alemán con "avergoñalo" ante a comunidade internacional de negarse a negociar o pago das reparacións polos danos provocados durante a Segunda Guerra Mundial (IIGM).

O viceministro de Exteriores polaco, Pavel Jablonski, indicou en declaracións recollidas pola emisora Polskie Radio que o asunto podería converterse nun "gran problema" de imaxe para as autoridades alemás.

Así, alertou de que Berlín respondeu ás solicitudes do Goberno polaco con "arrogancia e falta de respecto cara ás vítimas". "Imos falar diso moi alto. Alemaña di que quere ser un Estado que sente precedentes en materia de Dereitos Humanos, mais ao mesmo tempo fai estas cousas", engadiu Jablonski.

"Vai converterse nun gran problema para eles e vanse avergoñar", insistiu catro meses despois de que o seu Goberno presentase un informe sobre as perdas sufridas por Polonia durante os ataques da Alemaña nazi e a ocupación do territorio.

O 3 de outubro, o ministro de Exteriores de Polonia, Zbigniew Ray, asinou unha nota na que demandaba unha compensación por parte de Alemaña. Con todo, Berlín insistiu en que non ve motivos para realizar este tipo de pagos, tendo en conta que en 1953 Polonia renunciou ás reparacións.

Ademais, o Goberno xermano asegura que este acordo asinouse baixo a presión soviética coa República Democrática Alemá, que "non era un Estado soberano". Tras a negativa do Goberno alemán de responder positivamente a esta demanda de reparacións, Varsovia decidiu levar o asunto ás Nacións Unidas (ONU), solicitando 1,3 billóns de euros de indemnización.

Comentarios