xoves 15/04/21

Perto de Cambados, onde a policía multou Leopoldo López, ten o seu chalé o ex embaixador español en Venezuela Jesús Silva

O opositor venezolano Leopoldo López estaría hospedado na Galiza polo ex embaixador español en Venezuela Jesús Silva, que posúe un chalé na luxosa urbanización de Raeiros, no Grove, que foi construída ilegalmente e con orde de demolición. O chalé atópase perto de Cambados, onde López foi multado por saltar o fechamente perimetral, xa que reside en Madrid. 

Urbanización de Raeiros
Urbanización de Raeiros

A viaxe a Galiza que realiza o opositor venezolano Leopoldo López, a pesar do feche perimetral de todas as comunidades, podería ter como hóspede o ex embaixador español en Venezuela (de 2017 a 2020) Jesús Silva, que posúe un chalé na luxosa urbanización de Raeiros, no Grove, que foi construída ilegalmente e con orde de demolición.

Segundo informa o portal de datos venezolano La Tabla, a vivenda de Silva trataríase dun dos 52 inmóbeis de 300 metros cadrados, catro habitacións, catro baños, piscinas e acceso ao mar, e que se ofrece en 400 mil euros a pesar dunha orde de demolición por violacións urbanística ditada hai máis de 10 anos, mais que non foi cumprida por reiteradas apelacións.

Esta urbanización luxosa está a 27 minutos de Cambados, onde a policía localizou Leopoldo López e José Silva nunha terraza.

Segunda fontes da Xunta da Galiza, a Administración galega aínda non recibiu a denuncia formulada pola Policía Local de Cambados contra López por saltar o fechamento perimetral, despois de que na terza feira, 30 de marzo, a policía incoase un expediente de sanción contra o venezolano, que se atopaba nunha terraza dunha céntrica praza do municipio.

A Policía Local incoa este expediente sancionador que se remite á Xunta, que decidirá agora sobre se se multa ou non a López e ao resto de persoas que se atopaban con el neste municipio.

Leopoldo López afirmou na súa conta de Twitter que a súa viaxe a Galiza responde a reunións con "compatriotas exiliados e vítimas da ditadura de Maduro". "Non me consta que fose multado nin incumprido ningunha norma", asegura nun chío.

Pola súa banda, o presidente da Federación Venezolana da Galiza (Fevega), Manuel Pérez Vidal, explica, en declaracións a Europa  Press, que esta agrupación de diferentes asociacións de venezolanos non mantivo até a data "ningún" contacto con Leopoldo López na súa viaxe á Galiza.

comentarios