Entrevista

Mariña Barreiro: "O perfil de diplomático español segue a ser moi semellante ao dos anos 50, 60 ou 70"

A noiesa Mariña Barreiro decidiu cambiar a súa traxectoria no corpo diplomático español, a pesar do complicado que é acceder, para apostar pola diplomacia multilateral, que actualmente exerce como encargada de Asuntos Políticos na Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE).
Mariña Barreiro atendeu 'Nós Diario' no municipio de Noia (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mariña Barreiro atendeu 'Nós Diario' no municipio de Noia. (Foto: Nós Diario)

—Vostede non continuou coa súa traxectoria no corpo diplomático español, a pesar do esforzo que supón acceder.
Despois de dous anos intensos en Saraievo, en Bosnia, decidín saír da diplomacia bilateral do Estado español. Desde a miña perspectiva, creo que o corpo diplomático español precisa unha reforma estrutural desde o principio até o final. Ten que ser capaz de incluír a diversidade que engloba o Estado, o perfil de diplomático español segue a ser moi semellante ao dos anos 50, 60 ou 70. Hai moi poucos galegos, cataláns e vascos e son dun perfil moi determinado, hai moi poucas mulleres en posicións de poder, e aínda é máis complicado para colectivos como o LGBT+, que non están nada representados.

Por outra parte, a representación que se fai desde a diplomacia bilateral dun Estado fronte a outro ten moito que ver coa cultura, e no caso do Estado español a representación cultural era maioritariamente dalgunhas partes de Andalucía, nin sequera de todas, representábase unha visión do Estado estereotipada e custábame verme nese sistema.

—Como foi o camiño até chegar á Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) na súa sede de Viena? 
Dediqueime un tempo ao activismo LGBT+ nos Balcáns e a partir de aí entrei na OSCE nunha operación de terreo na loita contra a discriminación en Bosnia. Acabei sendo a xefa do departamento de Dereitos Humanos desta operación, a día de hoxe a segunda máis grande das que realiza a organización.

Despois traballei na delegación de Mulleres da Organización das Nacións Unidas (ONU), onde puiden corroborar que a violencia de xénero é especialmente relevante nos lugares que saen dun conflito. Posteriormente, estiven na Axencia da ONU para os Refuxiados (Acnur) na fronteira entre México e os EUA, unha das máis complicadas do mundo.

Finalmente, volvín á OSCE, esta vez á súa sede central, en Viena, ao Centro de Prevención de Conflitos, onde cubro os Balcáns Occidentais. Son a que informa aos 57 Estados da OSCE do desenvolvemento do que está pasando nos Balcáns coa axuda das persoas que temos distribuídas no territorio, entre elas 600 en Kosovo e 400 en Bosnia. 

—Como percibe a situación na que se atopan os Balcáns?
Moi complicada. As guerras pasaron xa hai case 30 anos e a situación, desgraciadamente, non cambiou demasiado, nin para mellor. Son sociedades moi empobrecidas nas que a maioría da xente emigra, especialmente en lugares como Bosnia ou Kosovo. Na política emprégase moito a linguaxe violenta do nós contra eles e faise un revisionismo da historia brutal, cada grupo étnico traslada nas aulas o que considera que pasou, que non ten nada que ver coa versión do grupo veciño. As crianzas dun lado e do outro non teñen ningún punto en común e nunca se ven, cando na Iugoslavia de Tito [Josip Broz, o antigo xefe de Estado de Iugoslavia] todas convivían unhas coas outras.

A República Srpska (Bosnia está dividido en dúas entidades, a República Srpska e unha Federación de musulmáns e croatas católicos) deu un golpe na mesa e decidiu que ningunha das decisións do Tribunal Constitucional de Bosnia terá efecto no seu territorio, algo que deu lugar a unha tensión moi delicada.

Tamén hai tensión en Kosovo, a imposición de catro alcaldes albaneses en zonas con 95% de maioría serbia creou unha revolta social que chegou ao punto de que os manifestantes atacasen forzas da OTAN e mandasen ao hospital 33 soldados, algo nunca visto. A situación estase suavizando, mais segue moi álxida.


"Non lle vemos o final á guerra en Ucraína"

Como membro da Organización para a Cooperación e a Seguridade en Europa (OSCE), cuxa sede está en Viena, Mariña Barreiro participa nas reunións da entidade internacional nas que se aborda a guerra en Ucraína. "Esta guerra leva 80% do tempo e dos recursos da OSCE", afirma Barreiro. 

"Desgraciadamente o que se ve é que non hai ningún diálogo e se non o hai na OSCE, que é precisamente a organización que foi creada para o diálogo entre Occidente e Oriente [do continente europeo], é moi complicado que exista en calquera outro foro", sinala. "Oxalá isto acabe o máis cedo posíbel, mais creo que queda un anaco ben longo", opina Barreiro. "Non lle vemos o final porque non vemos ningún tipo de avance nin de pequeno paso de ningún dos bandos neste conflito", sentencia a encargada de Asuntos Políticos na OSCE.

Comentarios