Pedro Castillo xa está en prisión, a mesma na que cumpre condena o ex presidente Fujimori

A até agora vicepresidenta, Dina Boluarte, converteuse na primeira xefa de Estado do país.
Pedro Castillo, acompañado do seu avogado, comparece ante a Fiscalía de Perú. (Foto: Fiscalía de Perú / Europa Press).
photo_camera Pedro Castillo, acompañado do seu avogado, comparece ante a Fiscalía de Perú. (Foto: Fiscalía de Perú / Europa Press).

O presidente deposto, Pedro Castillo, xa está en prisión. Foi trasladado de madrugada ao centro penal de Barbadillo, en Lima, o mesmo onde está preso o ex presidente Alberto Fujimori. Alí permanecerá 48 horas.

Tras varias horas na sede da Prefectura en Lima, o ex mandatario saíu acompañado por un forte operativo policial, unha vez a Fiscalía abriu dilixencias contra el por rebelión e conspiración.

Segundo o parte policial de detención, Castillo diríxíase á Embaixada de México en compañía do seu avogado -o ex primeiro ministro Aníbal Torres- e da súa familia cando foi apresado.

"Incapacidade moral permanente"

Castillo foi destituído polo Congreso e detido pola policía, onte, cuarta feira, horas despois de anunciar, nun discurso televisivo, que disolvía o Congreso e instauraba un goberno de urxencia, e convocaba eleccións. Unha manobra coa que tentou evitar someterse a unha terceira moción para destituílo.

Con todo, os congresistas, non fixeron caso da orde presidencial e procederon a realizar unha votación que puxo de manifesto a soidade política de Castillo: 101 congresistas votaron a favor da súa imputación por "incapacidade moral permanente", seis votaron en contra e 10 abstivéronse.

Boluarte, presidenta

A vicepresidenta, Dina Boluarte, que cualificou de "golpe de estado" as últimas decisións de Castillo, converteuse así na primeira xefa de Estado do país.

Despois de xurar como presidenta interina, pediu ao Congreso unha "tregua política" para formar un Goberno de unidade nacional.

Ademais, reclamou "a máis ampla unidade de todos os peruanos" e comprometeuse a loitar "polos ninguén e os excluídos".

Apoio internacional

Boluarte xa foi recoñecida pola Organización de Estados Americanos (OEA). Luis Almagro, presidente da organización, felicitouna e deulle apoio.

"Saúdamos a presidenta do Perú, Dina Boluarte, e o seu chamamento á unidade nacional", dixo nun par de mensaxes nas redes sociais nas que tamén remarcou "o apoio da OEA á democracia, á paz, á institucionalidade e á imperiosa necesidade" de reconstruír o camiño democrático cun diálogo inclusivo, aberto, franco e respectuoso".

Desde a Unión Europea, o portavoz do alto representante para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Josep Borrell, pronunciouse en Twitter. Peter Stano sinalou que "a UE rexeita calquera acto que vaia en contra do Estado de Dereito e da Constitución" e valora que "a crise política peruana se está a resolver pacificamente no marco constitucional".

Na mesma liña, desde os EUA, o portavoz do Departamento de Estado, Ned Price, declarou: "Rexeitamos rotundamente calquera acto que contraveña a Constitución e menoscabe a democracia".

Comentarios