Pedro Castillo é detido e Dina Boluarte proclámase presidenta do Perú

A Dina Boluarte proclámase presidenta do Perú tras aprobar a destitución de Pedro Castillo, que decretou a disolución do lexislativo horas antes, nun movemento rexeitado pola oposición conservadora, e que, posteriormente foi detido.
Dina Boluarte (á dereita) esta cuarta feira após tomar posesión como presidenta do Perú (Foto: Congreso do Perú).
photo_camera Dina Boluarte (á dereita) esta cuarta feira após tomar posesión como presidenta do Perú (Foto: Congreso do Perú).

A até agora vicepresidente do Perú, Dina Boluarte, proclamouse presidenta do Perú pasadas as 15 horas (hora local). No seu primeiro discurso á nación, Boluarte acusou Pedro Castillo de "tentar dar un golpe de Estado" e chamou a "crear máis unidade entre toda a cidadanía do Perú". Aliás, apuntou que "é preciso dialogar e pórse de acordo".

Nun discurso, interrompido en varias ocasións polos aplausos, a proclamada nova presidente solicitou "unha tregua política para poder instalar un Goberno de unidade nacional" e pediu "tempo para rescatar o país". Para alén diso, anunciou a que, dixo, será a súa primeira medida como presidenta: "Afrontarei a corrupción" e "crearei un Gabinete onde estean representadas todas as forzas democráticas", "todos os sangues", incidiu.

Moción de censura a Castillo

Poucas horas antes da votación da terceira moción de censura contra el no Congreso, dominado pola oposición conservadora, o presidente do Perú, Pedro Castillo anunciou a cuarta feira nunha mensaxe dirixida á poboación que decidiu disolver o lexislativo “en atención ao reclamo cidadán ao longo e largo do país” e convocar “no máis breve prazo a eleccións para un novo Congreso con facultades constituíntes para elaborar unha nova Constitución”.

A medida prevía a conformación dun Goberno de emerxencia excepcional, estabelecer o toque de recoller e reorganizar o sistema de Xustiza do país, que xunta o lexislativo estivo a bloquear o accionar político de Castillo desde que chegou ao poder hai ano e medio, nunha situación que xerou un risco á democracia do país, segundo concluíu hai poucos días un informe da Organización dos Estados Americanos.

Cando menos seis ministros do gabinete peruano, incluída a primeira ministra Betssy Chávez, renunciaron ao seu posto no Executivo despois do anuncio do presidente.

Amais, o Poder Xudicial, as Forzas Armadas e a Policía Nacional rexeitaron a medida, sinalando que o presidente só pode disolver o Congreso se o órgano negou a confianza a dous Consellos de Ministros.

Até o de agora só un dos Gobernos de Castillo foi censurado polo Congreso, ademais, o Tribunal Constitucional prohibira nun recurso ao presidente disolver a cámara incluso cun segundo rexeitamento.

A pesar da disolución ordenada por Castillo, o Congreso mantivo a votación da moción para destituír o mandatario, que foi aprobada ao obter 101 votos a favor, superando a maioría cualificada de 87 escanos.

Malia que pola mañá asegurara que votaría en contra, incluso a formación que o levou ao poder, Perú Libre (que rematou fragmentada en catro grupos parlamentares), acabou por apoiar maioritariamente a destitución. Antes de decretar o feche do Congreso non se daba por segura a censura ao presidente, que mantiña o apoio das formacións progresistas.

Pedro Castillo, detido.
Pedro Castillo, detido.

Castillo e a súa familia abandonaron o Palacio de Goberno. Porén, o xefe da escolta presidencial freou o desprazamento e entregouno á Policía por violación constitucional. La República sostén que se atopa detido na capital, Lima.

Comentarios