O Parlamento grego aproba novos recortes con Syriza dividida

Trinta e un escanos do partido de Tsipras votaron en contra das medidas xunto co KKE e Amencer Dourado. Varoufakis apoiou o goberno. 

O Parlamento grego debateu e votou na cuarta feira (22 de xullo) un novo pacote de recortes dando continuidade á folla de rota do terceiro resgate. Nunha sesión plenaria que, máis unha vez, rematou de madrugada, os votos favorábeis de Syriza, PASOK, Nova Democracia e Potami deron luz verde a un novo programa deberá ser negociado coa Troika. 

A votación volveu reflectir a división no seo de Syriza. E é que 36 parlamentares rexeitaron a proposta e mesmo a presidenta da Cámara, Zoé Konstandopulu, unha das voces máis críticas após a sinatura do acordo entre o primeiro ministro grego e o Eurogrupo, declinou presidir a sesión. 

A presidenta do Parlamento, Zoé Konstandopulu, rexeitou presidir a sesión

Finalmente o resultado foron: 230 'Si', 63 'Non' e 5 abstencións. Ao contrario do acontecido na anterior votación, coa que se respaldaba a sinatura do acordo cos estados da zona euro, salientou o sufraxio positivo do ex-ministro de Finanzas, Yanis Varuoufakis. 

Entre as reformas aprobadas atópase a modificación do Código civil para facilitar a poxa de vivendas embargadas e un plan de saneamento das entidades financeiras gregas con fondos públicos. 

As conversas coa Troika iniciaranse de novo e prolongaranse até finais do mes de agosto cando vence máis un pagamento ao Banco Central Europeo (BCE). 

Pola súa banda, militantes do KKE, o sindicato PAME e forzas da esquerda extra-parlamentar convocaron mobilizacións perante o Parlamento coincidindo coa sesión plenaria. 

Comentarios