O Parlament votará a declaración de independencia se o Estado aplica o 155

Xa hai resposta de Puigdemont ao requerimento -segundo prazo, segunda resposta- de Rajoy.

Puig
photo_camera Puigdemont consulta o seu móbil con Anna Gabriel ao seu ca

Na segunda resposta a Rajoy, Puigdemont di basicamente dúas cousas:

1.-Mantén a suspensión da declaración de independencia decretada por el no pleno do Parlament do 10-O.

2.-Se o Estado negar o diálogo e optar polo 155, o Parlament "se así o considera oportuno" submeterá a votación a Declaración de Independencia.

Significa isto que o 10 de outubro Puigdemont non declarou a independencia? O que significa máis ben é que ese día suspendeu os efeitos previstos na Lei de Referendo (primeiro suspendida e logo anulada polo TC) ao non submeter a votación a DUI. Portanto, a mudanza sería que agora, se o Estado vai pola vía da suspensión do autogoberno, a Lei de Referendo recobraría toda a súa virtualidade e a DUI se votaría no pleno do Parlament.

A DUI sería aprobada dada a maioría absoluta do soberanismo e, portanto, así si que se proclamaría o nacimento da República catalá.

O que é seguro é que a partir desta resposta de Puigdemont o Estado activará o 155. Ese é un dado incontornábel da situación. 

O 155 requere unha certa tramitación (aprobación por parte do Consello de Ministros, debate no Senado), o que daría tempo máis que suficiente ao Parlament para se convocar unha reunión extraordinaria visando a votación sobre a DUI. O previsíbel é que ese pleno sexa prohibido polo Tribunal Constitucional, o que abriría un novo frente xurídico no confronto cada día máis encarnizado entre as institucións catalás e as españolas.

Que ocorrerá coas institucións catalás se o Estado activar o 155?

Segundo diversas fontes, o Estado destituirá Puigdemont e Junqueras -president e vicepresident- e constituirá un goberno técnico dirixido desde a Moncloa por Soroya Sáenz de Santamaría. O Estado asumirá o control directo dos Mossos d'Esquadra e destituirá Trapero como o seu chefe. Será un executivo de transición, mais non se convocarán eleccións con carácter imediato. O horizonte sería facelas en 2018.

E que fará o soberanismo?

Se non é quen de operativizar o Parlament, pola prohibición do TC o plano B sería impulsar unha Asemblea de Eleitos, con parlamentares e concelleiras e concelleiros. Será o ente político que votaría a DUI. Catalunya tería así dous poderes en paralelo, o tutelado polo Estado (que estabelecería unha sorte de protectorado) e este órgao asembleario.

En principio, a idea maioritaria no seo do soberanismo é non concorrer a unhas eleccións "autonómicas" convocadas desde Madrid. O contra-ataque sería a Asemblea de Eleitos convocar unhas eleccións constituíntes para elaborar a primeira Constitución da República catalá. 

O problema é que esa Asemblea de Eleitos non disporía de corpos coercitivos propios, se finalmente o Estado é quen de controlar os Mossos d'Esquadra.

Comentarios