Euskadi

Bildu baralla un pacto co PNV para "impulsar o soberanismo" e con outras forzas para facer "políticas de esquerdas"

"A conclusión que nós sacamos é que maioritariamente a xente quere facer políticas máis abertzales, máis de autogoberno e políticas máis progresistas, e a política de alianzas debería obedecer a iso", apunta Otegi.
O candidato de EH Bildu a lehendakari, Pello Otxandiano, e o coordinador xeral da formación, Arnaldo Otegi, nun acto recente. (Foto: H. Bilbao / Europa Press)
photo_camera O candidato de EH Bildu a lehendakari, Pello Otxandiano, e o coordinador xeral da formación, Arnaldo Otegi, nun acto recente. (Foto: H. Bilbao / Europa Press)

O coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, baralla a posibilidade de que se poida alcanzar un pacto de Goberno entre EH Bildu e PNV para impulsar "o abertzalismo e o soberanismo", porque este movemento agora "suma cero", pero tamén apostou por incluír nel outras forzas de esquerdas, como PSE-EE, Sumar e Podemos, para "facer políticas progresistas" en Euskadi. Ao seu xuízo, hai que "habilitar as fórmulas que sexan de colaboración e de cooperación que permitan facer políticas máis abertzales e máis nacionalistas, máis de esquerdas e máis nacionais vascas".

Nunha entrevista concedida a Herri Irratia-Radio Popular, Otegi sinalou que a súa formación está "moi tranquila" e subliñou que a súa tendencia é "á alza", algo que cre que se constatará nos próximos comicios. EH Bildu, insistiu, trata de facer unha oferta "que altera as políticas de alianza, as políticas de como gobernar, de goberno, etcétera". "Estamos tratando de insistir nunha cousa que desde o noso punto de vista é coherente co que fixemos tamén nas eleccións estatais. Na política normal, na política convencional que denominamos nós, as eleccións e os seus resultados lense en termos de siglas políticas e de partidos. Temos que dar un paso máis", apuntou.

Otegi entende que hai que "ler exactamente" o que vota a xente. "Para nós está claro que nestas eleccións, nestes tres territorios, entre o PNV e EH Bildu imos facer unha maioría moi maioritaria nese Parlamento", explicou. Neste senso, dixo que as e os vascos votan maioritariamente "abertzale, nacionalista, soberanista e independentista" pero, ao mesmo tempo, tamén considera que vai haber "unha maioría de esquerdas", aínda que menor, de forzas de esquerdas.

"A conclusión que nós sacamos é que maioritariamente a xente quere facer políticas máis abertzales, máis de autogoberno e políticas máis progresistas, e a política de alianzas debería obedecer a iso", subliñou. Tamén rexeitou que, cos resultados das eleccións, sumen "siglas", fagan "un pacto nun despacho" e camiñen cara a un Goberno e unha política "de alianzas fechada, que nin é abertzale nin é de esquerdas", senón un Executivo de "bicicleta estática", en alusión ao acordo PNV-PSE da presente lexislatura.

Para Arnaldo Otegi, "iso non reflicte o mandato popular". Neste sentido, preguntado por se propón un Goberno de coalición entre PNV e EH Bildu, respondeu que "podería ser, pero non soamente un goberno conxunto", senón "un goberno con máis actores ou outro tipo de modelos de goberno".

Nación e dereito a decidir

Se até o 70% vai ser voto abertzale e soberanista, dixo, conforme ao que indican as enquisas —PNV e Bildu disputarían o primeiro posto—, "neste país iso terá que ter un reflexo nas políticas públicas". "Se tan abrumadoramente a xente vota a dúas opcións que reclaman que somos unha nación, que temos dereito a decidir, etcétera, iso algún reflexo terá que ter", insistiu.

Neste sentido, lembrou que, nestes momentos, "o movemento abertzale está en suma cero". "No que estivemos até o de agora é nunha 'suma cero'. Pero, ao mesmo tempo, dicimos que se a xente vota a PSE-EE, EH Bidu, Sumar, Podemos e ás forzas da esquerda, iso terá que ter algún reflexo nas políticas públicas. Ambas as dúas pulsións terían que ter reflexo nas seguintes políticas públicas", indicou.

Ao seu xuízo, "hai que cumprir con este mandato popular, con este mandato democrático e habilitar as fórmulas, as que sexan, de colaboración e de cooperación, como di Pello Otxandiano —candidato a lehendakari de EH Bildu—, que permitan facer políticas máis abertzales e máis nacionalistas, máis de esquerdas e máis nacionais vascas".

Comentarios