Euskal Herria

Enquisa para Euskadi: axustada vitoria do PNV con EH Bildu a só dous escanos

A esquerda abertzale subiría 5 representantes, até 26, e o Partido Nacionalista Vasco baixaría 3.

ETB
photo_camera Reaprto de representantes segundo a enquisa. (Gráfica: EiTB)

O PNV obtería unha axustada vitoria nas eleccións ao Parlamento Vasco, que decorrerán na primavera, mentres que EH Bildu crecería até situarse a 2 escanos, segundo se desprende da macroenquisa da radio e televisión pública vasca EITB, a maior realizada en Euskadi.

En concreto, a formación jeltzale (PNV) lograría 28 parlamentarios e un apoio de 35,8% do electorado, o que supoñería unha perda de 3 representantes e 3,3 puntos en votos en comparación cos últimos comicios de 2020.

Pola súa parte, a coalición abertzale crecería en 5 cadeiras, até os 26, e en 4,2 puntos en sufraxios, até 32,1%. En terceiro lugar situaríase o PSE-EE, que con 12 escanos aumentaría a súa representación en 2, ao pasar do apoio do 13,7% obtido hai catro anos a un 14,8% previsto na próxima cita coas urnas.

Se os partidos do espazo electoral de Podemos non alcanzasen un acordo para concorrer en coalición (como sucede actualmente), a formación violeta superaría a Sumar Mugimendua e obtería 4% dos sufraxios e 2 parlamentarios, mentres que a formación de Sumar, en cambio, faríase cun escano e 3,2% dos votos. Hai catro anos, a coalición obtivo 6 parlamentarios.

Finalmente, Vox perdería á súa única representante na Cámara vasca ao recibir 1,6% dos votos, 0,4 puntos menos. EITB Focus tamén previu cal sería o escenario se Sumar e Podemos acordasen finalmente presentarse en coalición.

Neste contexto, estas formacións obterían un maior rendemento dos votos debido ás particularidades do sistema D'Hondt, xa que a pesar de que o apoio sería idéntico (do 7,2% en coalición ou do %4 e %3,2 por separado), case duplicarían a súa previsión de escanos, até os 5.

Paralelamente, o PNV lograría 27 deputados, un menos dos previstos inicialmente, e por tanto EH Bildu situaríase a un parlamentario de distancia. O PSE-EE tamén vería reducido o seu crecemento potencial a 11 representantes.

Comentarios