A OTAN aproba duplicar os batallóns que ten no leste europeo

O Goberno español enviará máis armamento a Ucraína.
Os líderes da OTAN reuníronse esta quinta feira en Bruxelas (Foto: Michael Kappeler / DPA).
photo_camera Os líderes da OTAN reuníronse esta quinta feira en Bruxelas (Foto: Michael Kappeler / DPA).

O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciou esta quinta feira que enviará máis armamento a Ucraína "nos próximos días". Así o dixo no mesmo día en decorreu en Bruxelas a cimeira da OTAN na que se reuniron dirixentes dos Estados membros da Alianza.

Na xuntanza acordouse o envío de catro batallóns de combate ao leste de Europa: Romanía, Hungría, Eslovaquia e Bulgaria, co que se duplica o despregue de batallóns (até o de agora eran catro os despregados entre Polonia, Estonia, Letonia e Lituania).

Aliás, na cimeira, Polonia propuxo o despregue de "tropas de paz" da Alianza en territorio ucraíno. Unha proposta que era descartada pola propia OTAN  até esta quinta feira, co gallo de evitar un enfrontamento directo con Rusia.

A formulación do Goberno de Polonia non tardou en xerar reaccións. "Varsovia embarcouse nunha perigosa escalada na rexión, que non procede de intereses nacionais, senón no marco das directrices da OTAN", indicou o Ministerio de Exteriores de Rusia. O presidente de Bielorrusia, Alexander Lukashenko, declarou  que a posta en marcha do operativo militar da OTAN no territorio ucraíno significaría o inicio "da III Guerra Mundial".

Joe Biden, presidente dos Estados Unidos de América, afirmou que a OTAN responderá se Rusia usa armas químicas. "Responderiamos se as usan, a natureza das respostas depende da natureza do uso".

A tensión tamén se fixo notar nas relacións diplomáticas entre Rusia e os EUA. Nesta semana, os EUA expulsaron 12 persoas da misión rusa ante a ONU. Unha situación á que Rusia contestou coa expulsión de varios diplomáticos estadounidenses. Ademais, a portavoz de Asuntos Exteriores de Rusia, Maria Zajarova, sinalou que "a guerra económica declarada" polos EUA a Moscova "ameaza con colapsar" as relacións bilaterais.

A Unión Europea tivo esta quinta feira unha reunión para abordar as posibilidade de impor novas sancións económicas a Rusia, mais as posicións dos Estados están divididas ao respecto. "As sancións deben ter un impacto maior en Rusia que ao lado europeo, non estamos en guerra contra nós mesmos", avisou o primeiro ministro belga, o liberal Alexander de Croo.

Unha posición que atopou versións enfrontadas. A presidenta finlandesa, Sanna Marin, afirmou que "mentres se compre enerxía a Rusia estaremos financiando a guerra".

Comentarios