A Organización Meteorolóxica Mundial confirma un novo récord histórico de calor en Europa: Este foi o lugar e a temperatura alcanzada

A Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) confirmou oficialmente un novo récord de temperatura.

sicilia
photo_camera (Foto: OMM)

En agosto de 2021 Europa sufriu unha das peores vagas de calor. Unha das zonas onde as temperaturas foron máis extremas foi Sicilia, onde gran parte da illa alcanzou valores entre 42 e 45 ºC. Porén, nun recuncho próximo á histórica cidade de Siracusa, alcanzáronse os 48,8 ºC.

Dous anos e medio despois, a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) puido validar este valor, que se converteu no novo récord de calor absoluto de Europa, batendo o acadado en xullo de 1977.

Un grupo internacional de científicos atmosféricos verificou a temperatura rexistrada por unha estación meteorolóxica automática de Siracusa, na illa italiana de Sicilia. Dado que a Rexión VI (Europa) da OMM contén partes de Asia (por exemplo, Israel, Turquía e Siria) e Groenlandia, os fenómenos extremos da OMM clasifícanse con récords tanto para a Rexión no seu conxunto como para Europa continental.

O récord anterior para Europa continental de 48,0 °C (10 de xullo de 1977) alcanzouse nas cidades gregas de Atenas e Eleusis (Grecia). Este dato baseouse en fontes gobernamentais oficiais e incluíuse no Arquivo de Fenómenos Meteorolóxicos e Climáticos Extremos da OMM no momento da súa creación en 2007. Con todo, a Organización non efectuou unha verificación independente, a diferenza do ocorrido coa recente temperatura en Italia.

“Os fenómenos extremos presentados ante a OMM para a súa clasificación son 'instantáneas' do noso clima actual. É posíbel, e mesmo probábel, que en Europa poidan darse nas futuro temperaturas máis extremas. Cando se realicen tales observacións, constituiranse novos comités de avaliación da OMM para clasificalas como fenómenos extremos”, afirma o profesor Randall Cerveny, relator da OMM sobre fenómenos meteorolóxicos e climáticos extremos.

“A maioría das investigacións —como esta— son procedementos prolongados debido ao meticuloso coidado que pon a OMM para certificar as observacións meteorolóxicas. Unha avaliación tan minuciosa proporciona a confianza fundamental de que os nosos rexistros globais de temperaturas están a medirse correctamente. Máis aló diso, esta investigación demostra a alarmante tendencia a que se sigan establecendo récords de altas temperaturas en rexións específicas do mundo”, sostivo o profesor Cerveny.

Moitas avaliacións da OMM publícanse en revistas especializadas sometidas a exames por homólogos. Incluíronse no sitio web oficial do Arquivo de Fenómenos Meteorolóxicos e Climáticos Extremos da OMM, que inclúe rexistros das temperaturas máis altas e máis baixas do mundo, precipitacións, saraiba máis pesada, período de seca máis prolongado, refacho máximo de vento, lóstrego máis longo e mortes relacionadas coas condicións meteorolóxicas.

O comité de expertos da OMM está a levar a cabo outras investigacións, entre elas se o ciclón tropical Freddy bateu o ano pasado o récord de ciclón tropical máis duradeiro. Os novos récords establecidos proporcionan un punto de referencia de fonte autorizada para comparar os fenómenos extremos sen precedentes nos informes da OMM sobre o estado do clima a escala mundial e rexional, que se publican todos os anos.

Comentarios