A ONU denuncia o Vaticano por permitir que curas violaran milleiros de crianzas

Tamén criticou as actitudes homófobas da Igrexa e as declaracións públicas realizadas en contra da anticoncepción e do aborto.

catolicas
photo_camera [Imaxe de arquivo: T.C.]


O Comité de Dereitos Humanos das Nacións Unidas arremeteu con dureza en contra do Vaticano por permitir que os curas violaran milleiros de crianzas. Nun informe emitido a respeito da aplicación da 'Convención sobre os dereitos do neno', a organización insta a Igrexa a "expulsar de inmediato" os sacerdotes sospeitosos de abusaren de menores e instou a abrir os arquivos vaticanos sobre pedófilos e os eclesiásticos que ocultan os seus delitos. 

Para alén de criticar a adopción de políticas que permitiron aos relixiosos violar e abusar de decenas de miles de crianzas, a ONU tamén criticou as actitudes homófobas da Igrexa e as declaracións públicas realizadas en contra da anticoncepción e do aborto. Após entrevistarse con integrantes do Comité, o Vaticano admitiu ter coñecemento de que nas bancadas do clero hai pederastas.

"Existen abusadores entre os membros das profesións máis respectadas do mundo, tamén entre membros do clero e outro persoal da Igrexa", recoñeceu Silvano Tomasi, representante da Santa Sé perante a ONU en Xenebra. Foi a primeira vez que a Igrexa participou nun escrutinio público sobre as violacións de crianzas cometidas por sacerdotes en todo o mundo, pois a alta xerarquía católica intentou sempre tapar ou minimizar os escándalos que saíron á luz pública nos últimos anos.

Comentarios