Eleccións catalás

Pere Aragonès abandona a primeira liña política

O aínda presidente da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, non recollerá a súa acta no Parlament.
Pere Aragonès, este domingo (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
photo_camera Pere Aragonès, este domingo (Foto: David Zorrakino / Europa Press).

O president da Generalitat de Catalunya e candidato de ERC á reelección nas eleccións catalás deste domingo, Pere Aragonès, anunciou esta segunda feira que deixa a primeira liña política e que non recollerá a acta de deputado do Parlament de Catalunya.

Díxoo nunha rolda de prensa despois dos resultados dos republicanos nas eleccións deste domingo, nos que baixaron 13 escanos, pasando dos 33 deputados e deputadas que logrou en 2021 aos 20 escanos no novo Parlament.

"Cando digo que iremos á oposición, oposición é oposición", dixo rexeitando investir Salvador Illa ou Carles Puigdemont. "ERC non está para facilitar unha investidura do PSC nin para participar de operacións que necesitan do acordo entre Junts e PSC", engadiu Aragonès, deixando a gobernabilidade nas mans destas dúas formacións e engadindo que lles corresponde xestionar a situación xurdida tras as eleccións catalás e "entenderse".

Con todo, despois sinalou que "é o momento de tomar responsabilidade, eu fágoo persoalmente, e xa haberá tempo nos próximos días de ver futuros escenarios", engadiu. Neste sentido, sobre a negociación da Presidencia do Parlament, asegurou que nos próximos días valorarán escenarios: "Teremos tempo de cuestións máis operativas e quen terá que explicalo serán os liderados do grupo parlamentario".

"Non formarei parte do próximo Parlament de Catalunya e, por tanto, abandonarei a primeira liña política. Inicio unha nova etapa, mais co mesmo compromiso: unha Catalunya xusta e independente", afirmou, e engadiu que tomou esta decisión como un exercicio de honestidade e por responsabilidade con Catalunya e co partido.

Aragonès detallou que nas próximas semanas centrarase en "facilitar unha transición desde o Govern en funcións até a elección dun novo presidente da Generalitat". Tamén asegurou que facilitará unha transición en ERC desde o seu rol de coordinador nacional "para fechar un ciclo electoral de malos resultados e contribuír a abrir un novo ciclo de crecemento".

Reflexión colectiva

Preguntado por se o partido convocará un Congreso extraordinario para renovar o seu liderado, Aragonès respondeu que se levará a cabo unha reflexión: "Tocará fortalecer este proxecto e tomaranse as decisións colectivamente. Por parte de ERC, estou convencido de que miraremos adiante e este proxecto continuará".

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios