Noite de bombardeos de Estados Unidos en Iraq e Siria

EUA lanzou esta madrugada da sexta feira ao sábado un ataque contra 85 “obxectivos estratéxicos” en Iraq e Siria.

Un dos avións usados por EUA e o Reino Unido para atacar posicións hutís (Foto: Sgt Lee Goddard / Royal Air Force / DPA).
photo_camera As autoridades dixeron que EUA está a planear accións militares durante varios días contra obxectivos en Iraq e Siria. (Foto: Sgt Lee Goddard / Royal Air Force / DPA).

Estados Unidos iniciou unha ofensiva militar aérea contra o que afirma que son "grupos apoiados por Irán" en Siria e Iraq tras o ataque con drons a unha base militar en Xordania que matou tres soldados estadounidenses a pasada fin de semana.

"Que todos os que poidan buscar facernos dano o saiban: se lle fas dano a un estadounidense, responderemos", dixo o presidente de Estados Unidos, Joe Biden, tras o ataque.

As autoridades dixeron que EUA está a planear accións militares durante varios días contra obxectivos en Iraq e Siria. "A nosa resposta empezou hoxe. Continuará no momento e lugares da nosa elección", asegurou o mandatario nun comunicado difundido pola Casa Branca pouco despois de que se informase de que se atacaron obxectivos da Garda Revolucionaria de Irán e grupos afíns en ambos os países fronteirizos.

Polo menos 18 membros de milicias morreron -13 deles en Siria- como consecuencia dos bombardeos estadounidenses, informaron unha fonte militar iraquí e o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos.

As forzas estadounidenses lanzaron ataques aéreos contra a Forza Quds do Corpo da Garda Revolucionaria Islámica (IRGC, pola súa sigla en inglés) de Irán e grupos de milicias afiliados á medianoite hora local, informou o Mando Central de Estados Unidos.

Comentarios