A ONU afronta o debate sobre a permanencia da MINURSO

Entre o 26 e o 28 de abril o Consello de Seguridade das Nacións Unidas debaterá a renovación do mandato nun contexto de tensión sobre o terreo.

Nacións Unidas_MINURSO
photo_camera [Imaxe Nacións Unidas]

Após rematar o prazo, o 8 de abril, para a elaboración dun Informe sobre a Operación especial das Nacións Unidas despregada no Sáhara Occidental (MINURSO), o Consello de Seguridade avalía, debate e votará o seu mantemento, ou non. 

A decisión deberá ser formalmente adoptada o 28 de abril e prodúcese no marco dun contexto de tensión sobre o terreo após o réxime de Mohamed VI expulsar persoal funcionario das Nacións Unidas e fechar a oficina da MINURSO en Dajla. Unha decisión que o ministro de Exteriores marroquí, Salahedin Mezuar tildou de "irrevogábel". 

A expulsión de persoal funcionario da ONU e o fechamento da sede da MINURSO en Dajla foi a resposta de Marrocos ás declaracións de Ban Ki-moon que tildou de "ocupación" a súa presenza no Sáhara

No concreto foron expulsas 84 persoas, segundo o propio Mohamed VI, motivadas pola presenza e declaracións do secretario xeral das Nacións Unidas, Ba Ki-moon nos campamentos de persoas refuxiadas localizados en territorio arxelino. Na súa visita ao pobo saharaui, a primeira que se producía por parte do máximo representante da ONU, Ban Ki-moon tildou de "ocupación" a presenza de Marrocos no territorio saharaui e urxiu a resolver o conflito apremiando a convocatoria do referendo de autodeterminación acordado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas desde 1991. 

EUA, Franza e o Estado español son as dúbidas pola súa estreita relación con Marrocos

Para o réxime marroquí estas declaracións constituíron unha "ultraxe" mentres que a RASD considerou a actitude de Marrocos como unha declaración de guerra polo que o Frente Polisario iniciou a mobilización dos seus efectivos militares. 

Entretanto Marrocos comezou a construción dun novo muro que se sumaría aos oito que xa dividin os territorios ocupados do conxunto do Sáhara Occidental. 

A decisión que adopte o Consello de Seguridade das Nacións Unidas agárdase con expectación. Neste senso, China, que asume a presidencia rotatoria durante este mes de abril agarda que a renovación se produza "sen maiores complicacións". As dúbidas céntranse na posición que adoptarán os EUA, Francia e o Estado español, aliados de Marrocos. 

Comentarios