"A onda expansiva da disolución da URSS continúa a chegar hoxe"

Entrevista a Xulio Ríos no 30º aniversario do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), do que é fundador de presidente de honra.
xulio_rios_feiradolibromadrid
photo_camera Ríos asina un dos seus libros sobre política chinesa, o 12 de setembro na Feira do Libro de Madrid (Foto: Xulio Ríos / Twitter)

O 10 de setembro de 1991 constituíase oficialmente o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) co fin de debullar os acontecementos que marcan a política mundial. De pensar o mundo desde Galiza e de levar Galiza ao mundo. A 'criatura' celebrou onte o 30º aniversario no Consello da Cultura; e o 'pai' ─fundador e presidente de honra─, Xulio Ríos, compartiuno con Nós. 

─Cal era o mundo en que o Igadi naceu hai 30 anos?

Estabamos no proceso de disolución da URSS, da fin da Guerra Fría e do mundo bipolar. Abríase un novo tempo, con moitas expectativas de cambio, incluído o terremoto político que sacudiu Europa central e oriental coa emerxencia de novos Estados. Con aquela expectativa, tamén, da "casa común Europea" [proposta polo ex líder da URSS Mikhail Gorbachev]. Era un momento para que desde Galiza se pensase como todas esas grandes transformacións, que fechaban unha etapa relativamente estábel xurdida tras a II Guerra Mundial, impactarían de forma moi importante en Europa e no mundo. E que oportunidades se abrían, o que deu pé á constitución do Igadi.

─E como é 30 anos despois?

Estamos nunha tesitura. Por unha banda, hai quen quere pechar aquela Guerra Fría coa reedición dunha nova ─neste caso cun actor que sería EUA e outro, a China─; e pola outra aqueles que apostan por unha transformación máis profunda da sociedade internacional, pola alternancia e a multipolaridade.

─E dentro doutros 30 anos, como o imaxina?

O dilema actual estará basicamente resolto. Eu non lle dou moito crédito aos intentos de reeditar unha Guerra Fría. Comprendo que desde a perspectiva dos EUA esta é unha opción desexábel. Pensa: "se nunha ocasión fun vitorioso, por que non o vou ser nunha segunda". Mais a China de hoxe non é a URSS de entón. Nin no ámbito ideolóxico e político, nin no económico. Coincide ademais co proceso que se abre de cambio de paradigma industrial e tecnolóxico, onde a China non é a URSS que ficara atrás despois das proezas espaciais. Tampouco o resto de actores internacionais, como a UE ou América Latina, son os mesmos. Os procesos de cambio vividos nestes 30 anos fan difícil ─malia o intento de polarizar o mundo apelando aos valores, á democracia ou á loita contra o autoritarismo─ que todo iso chegue a callar. Creo que o mundo vai evolucionar cara a unha orde multipolar. Onde EUA seguirá a ser un actor importante, como a China. Ou a India ou o Brasil. Mais é unha situación cambiante, dependente dos proxectos políticos en cada país. Non é o mesmo Bolsonaro que Lula, obviamente. Mais a realidade económica mundial é moi plural e diversa e iso acabará trasladándose á política.

─Cal cre que foi o acontecemento con maior peso neste tempo?

A disolución da URSS e a liquidación do socialismo real seguen a pesar moito. A súa onda expansiva segue a chegar. Hai outros feitos importantes, mais máis prolongados no tempo e que permiten unha adaptación, como é a propia emerxencia da China ou o alargamento da UE. Que tamén están relacionados co final daquel proxecto emancipador e en gran medida mesiánico que representaban a URSS e aquel modelo de socialismo. Mais como dixo Zhou Enlai a respecto da Revolución Francesa, estamos aínda demasiado perto para valorar a súa transcendencia. 

Comentarios