Obama atacará Siria aínda que o Congreso non lle dea o apoio

O secretario de Estado, John Kerry, insistiu en que non se precisa o respaldo da Cámara de representantes para unha intervención militar e reiterou que Siria non pode ficar sen “castigo”. Mentres, Merkel anunciou que Alemania non intervirá en Siria se non é co aval da ONU

Barack Obama

O presidente dos Estados Unidos non precisa o apoio do Congreso para ordear un ataque militar contra outro país. Ten a potestade de ordenalo sen ter o respaldo da cámara lexislativa. Mais Obama, na súa comparecencia da sexta feira, apuntaba a que, se ben o ataque a Siria estaba máis que decidido, ía levar a intervención ao Congreso.

John Kerry afirma que o goberno sirio utilizou gas sarín contra a súa poboación, mais non achegou probas

Este domingo, o secretario de Estado dos EUA quixo poñer negro sobre branco e deixar as cousas claras: haberá ataque a Siria. Mesmo se o Congreso non opta por esta vía, haberá ataque militar a Siria. Kerry recoñeceu que Obama era partidario de ter o respaldo do Congreso, e que esa era a baza que o goberno estaba centrado en conseguir. Mais, apuntou, Obama como presidente é o que vai decidir. E engadiu, textualmente: “Non importa o que o Congreso faga”.

“Estados Unidos temos a intención de actuar”, insistiu Kerry na rolda de comparecencias en medios para convencer á opinión pública da necesidade do ataque

Diferencias

Así pois, os EUA marcan a diferenza co que sucedeu en Gran Bretaña, onde a oposición da Cámara obrigou o presidente, o conservador David Cameron, a descabalgar da súa intención de participar nun ataque militar a Siria.

Están sendo días de xiras mediáticas de altos cargos dos EUA. John Kerry está a pasear por platós e redaccións de medios para defender a mensaxe do goberno: o ataque tóxico foi obra do goberno sirio e EUA debe intervir en defensa da seguridade mundial e para evitar que “Irán, Corea do Norte e Hizbullah se envalentonen”

Comentarios