O PSOE saca a pasear a súa alma centralista contra o concerto económico vasco

A confusa proposta do líder do PSC contra a Facenda propia nas dúas comunidades dos territorios de Euskal Herria acada un amplo apoio xacobino entre @s socialistas, namentres o PSdeG mantén a súa histórica indefinición. 

Rubalcaba e Rajoy
photo_camera Rubalcaba e Rajoy

Non é ningunha novidade o centralismo dentro do PSOE, como tampouco o monarquismo ou o liberalismo, por exemplo. Mais nesta última semana os ecos do españolismo declarado de José Bono, Francisco Vázquez ou Joaquín Leguina -e tamén de Felipe González, este con camuflaxe- atopou suma en boa parte do partido após de que, nunha manobra desordenada, o líder do PSC, Pere Navarro, pedise o fin do concerto económico vasco, que permite que as dúas comunidades autonómicas de Euskal Herria, Euskadi e Navarra, teñan un réxime fiscal propio. Está en contra desa descentralización, que se reivindica tamén noutras nacións do Estado, un sector moi importante do PSOE, que saca así de novo a relucir a súa alma xacobina, quen sabe se nesta ocasión amparada nun confuso disfrace “federalista”.  

"Apostan claramente por acabar co concerto vasco @s socialistas de Andalucía, Valencia, Asturias, Estremadura e Madrid".

Que sexa o PSC, o supostamente menos español do universo do PSOE, quen faga esa reivindicación amosa ás claras o despiste monumental dunha forza política en picado. Pola súa parte, malia reivindicarse como “galeguista” no PSdeG non se coñece unha opinión pública sobre o asunto, talvez como nova escenificación da súa proverbial indefinición territorial. Si apostan claramente por acabar co concerto vasco @s socialistas de Andalucía, Valencia, Asturias, Estremadura e Madrid. E máis. Na dirección tamén. O número 3 do partido, Óscar López, xa anunciou que a proposta poderá ser discutida na o próximo mes no Consello Federal do PSOE e que lle parece “un privilexio” o réxime fiscal propio dos territorios vascos, dereito histórico que mesmo foi respectado en Araba e Nafarroa durante a tiranía franquista -buscando o apoio do daquela influínte carlismo- que si o eliminou de Guipúscoa e Biscaia ao consideralas “provincias traidoras”. A ese nivel remonta o debate centralista que abriu o PSOE. 

Que definan como “privilexio” o concerto propio das nacións xa suxire que asumen que é unha política positiva. Sectores nacionalistas de Cataluña e Galiza tamén reivindican unha fiscalidade semellante, dentro dun proceso máis amplo que camiña na dirección contraria do que pide gran parte do PSOE. E que está por ver como afecta a un PP claramente empeñado no regreso á uniformidade española. Polo de agora, en Euskal Herria xa saíron voces anunciando un inmenso conflito en caso de que se lle quite ese dereito, incluso recoñecido na Constitución. O dirixente do PNV Andoni Ortuzar asegura que o seu partido “acepta estar co Estado polo concerto económico, se se rompe quedaríamos libres”, abrindo a porta a un paso cara o independentismo -xa con impresionantes apoios en Euskal Herria- no caso de que se tomen medidas na liña das que pide o PSOE centralista, o que quitou carautas para provocar unha nova fronte dentro da crise total do réxime saído dos amaños de 1978. 

Comentarios