O lago Titicaca rexistra mínimos históricos nos seus niveis de auga por causa do cambio climático

O Servizo Nacional de Meteoroloxía e Hidroloxía (Senamhi) do Perú declarou na madrugada desta cuarta feira que o lago só obtivo unha media mensual en xuño último de 3,808.503 metros, o nivel máis baixo desde 1948.
Vista do lago Titicaca nunha imaxe de arquivo (Foto:  Europa Press / Contacto / John Milner).
photo_camera Vista do lago Titicaca nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press / Contacto / John Milner).

Autoridades do Perú e Bolivia alertaron que o lago Titicaca, que se estende pola súa fronteira compartida, descendeu progresivamente os seus niveis de auga até chegar a niveis extremadamente baixos.

Este famoso lago é o máis grande de América do sur e é o lago comercialmente navegábel do mundo situdo a maior altura, xa que está a 3.821 metros sobre o nivel do mar.

Neste sentido, o Servizo Nacional de Meteoroloxía e Hidroloxía (Senamhi) do Perú declarou na madrugada desta cuarta feira que o lago só obtivo unha media mensual en xuño último de 3,808.503 metros, o máis baixo desde 1948.

O director zonal do ente peruano na rexión de Puno, Sixto Flores Sancho, declarou que se rexistrou un déficit de auga de 49%.

“As precipitacións nesta última tempada 2022-2023, foron moi poucas. Tivemos un déficit de 49%”, confirmou Flores Sancho, á vez que se constatou que o período setembro-xullo 2022/2023, presenta no Altiplano peruano unha forte seca meteorolóxica, con déficits de choivas en media de -32%.

Por outra parte, Flores Sancho advertiu que non se prevén choivas até final de ano e a pesar de que poida chover en setembro, “estas precipitacións non incrementan significativamente o nivel da auga, debido a que hai maior evaporación como consecuencia das temperaturas moito máis cálidas”.

Datos do Senamhi confirman que, para rexións como Crucero, Azángaro e Progreso, en Puno, os déficits de precipitacións foron de até -69% -51% e -44%, respectivamente.

Familias sen ingresos

Así, o gobernador de Puno, Julio Vilca Lujano, compartiu ante medios locais que a emerxencia climatolóxica deixou 720 familias sen ingresos.

“Esta seca está a afectarnos demasiado tanto na pesca, a caza, a recolección de ovos. Tamén a nivel do turismo porque no noso porto xa non temos acceso para visitar as illas flotantes dos Uros”, dixo.

Por outra parte, a plataforma Rede de Comunicación Rexional (RCR) sinalou que “se se considera que a temperatura superficial do mar (TSM) está por encima da media no Pacífico Ecuatorial central e oriental, e sendo probábel que esta condición se fortaleza e persista durante o verán de 2024, non se descartan déficits de choivas nos meses de verán na serra sur do país”.

Comentarios