O novo Goberno español promete o cargo ante Felipe VI

Esta cuarta feira terá lugar o primeiro Consello de Ministros do novo Executivo de Pedro Sánchez

rei goberno español foto casa real
photo_camera Foto de familia do Goberno español con Felipe VI (Foto: Casa Real)

O novo Goberno de Pedro Sánchez xa está formalmente constituído. Os 22 ministros e ministras do PSOE e de Sumar, anunciados esta segunda feira polo presidente do Executivo español, prometeron o cargo fronte ao rei Felipe VI e agora xa está todo preparado para que se poñan a traballar.

O primeiro en xurar o cargo non foi unha das vicepresidentas, senón o que xa foi denominado 'superministro', Félix Bolaños, que ademais de repetir á fronte de Presidencia tamén será o ministro de Xustiza. Dúas carpetas cruciais esta lexislatura no marco das relacións entre o PSOE e os independentistas, sobre todo pola supervisión por parte da Xustiza da aplicación da lei de amnistía.

No anovado equipo de Sánchez repiten 13 ministros e tamén tres das vicepresidencias: Nadia Calviño, Yolanda Díaz e Teresa Ribera. A eles súmase a ministra de Facenda, María Jesús Montero, que ocupa a vicepresidencia cuarta, pola que ascende.

Todos os ministros e vicepresidentes prometeron ou xuraron o cargo no tradicional acto no Palacio da Zarzuela. Despois, fixeron a tradicional foto de grupo.

Tras este acto formal, os ministros teñen esta terza feira unha intensa xornada. Recibirán as novas competencias das súas carteiras dos ministros saíntes, seguindo o acto simbólico habitual que se produce ao comezo de calquera executivo.

Unha das que máis expectación xerou foi o traspaso de Irene Montero, quen entregou as competencias de Igualdade á socialista Ana Redondo. Montero despediuse do seu departamento cun ataque ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.  Desexou á súa substituta, Ana Redondo, que teña “valentía para incomodar aos homes de 40 e 50 anos amigos do presidente do Goberno porque o feminismo é un movemento moi poderoso” e asegurou que o presidente prescindiu das ministras de Podemos por facer o que prometeron. “Bótanos deste Goberno por facer o que dixemos que fariamos”, asegurou. 

O novo Goberno do Estado realiza o seu primeiro Consello de Ministros mañá, cuarta feira.

Comentarios