Sen noticias de Gaza: Israel intensifica os bombardeos após deixar a Faixa totalmente incomunicada

Israel intensifica os ataques sobre unha Gaza totalmente incomunicada e á que a prensa internacional non pode acceder.
Un grupo de persoas trata de rescatar unha crianza entre os cascallos dun edificio derrubado na cidade de Gaza. (Foto: Mohammed Abu Elsebah / DPA)
photo_camera Un grupo de persoas trata de rescatar unha crianza entre os cascallos dun edificio derrubado na cidade de Gaza. (Foto: Mohammed Abu Elsebah / DPA)

Os dous millóns de palestinos residentes na Faixa de Gaza están completamente incomunicados. Non hai acceso a internet e tamén fallan as chamadas telefónicas, logo de que o Exército israelí iniciase na tarde desta sexta feira unha nova xeira de bombardeos "máis forte que nunca" desde o inicio da guerra o pasado 7 de outubro, precisan a Nós Diario fontes residentes en territorio palestino. "Non estamos ben, hai partes de corpos por todas partes, os mísiles non diferencian entre pequenos e grandes, e o son dos bombardeos non para!", alerta tamén o xornalista de Al Jazeera Wael Al-Dahdouh, a quen as bombas israelíes lle mataron a muller, a filla, o fillo e o neto.

"O intenso bombardeo da última hora resultou na destrución de todas as rutas internacionais restantes que conectan Gaza co mundo exterior, o que leva a unha completa interrupción dos servizos de telecomunicacións", advirte nas redes sociais a compañía de comunicacións palestina Jawwal. Un anuncio ao que se suma Paltel e que confirma tamén o observatorio de internet NetBlocks: "Os datos da rede en tempo real mostran un colapso da conectividade na Faixa de Gaza con alto impacto para Paltel, no medio de informes de fortes bombardeos. Esta compañía é o último grande operador restante en ofrecer servizo, a medida que a conectividade diminúe no medio das loitas en curso con Israel".

As autoridades de Israel non permiten desde o pasado 7 de outubro a entrada de xornalistas a Gaza para cubrir in situ o conflito. E agora, se persiste o bloqueo das comunicacións, a Faixa, cercada por un enorme valado que a separa das cidades israelíes ficará completamente illada e silenciada mentres se suceden os bombardeos.

De feito, o portavoz do Exército hebreo, Daniel Hagari, vén de avisar de que os ataques seguirán, se callar con maior intensidade, durante a noite desta sexta feira ao sábado: "Como continuación da actividade ofensiva que levamos a cabo nos últimos días, as forzas terrestres ampliarán esta tarde a súa actividade terrestre", dixo, ao tempo que volveu chamar a poboación residente no norte de Gaza a abandonar os seus fogares e marchar cara ao sur.

"A xente gazatí que vive fóra está desesperada porque non teñen como se comunicar cos seus familiares", lamentan fontes palestinas a este xornal. E diante deste escenario a situación recrúa tamén na rexión de Cisxordania, onde a través de diferentes grupos de Télegram comeza a falarse de artellar unha resposta en solidariedade con Gaza. Xa hai convocada unha manifestación na capital, Ramallah.

Comentarios