O Nobel da Paz premia o "xornalismo libre" e carga contra Duterte e Putin

O Comité Noruegués galardoa a filipina Ressa e o ruso Muratov.
Anna_Politkovskaya-Novaya_Gazeta
photo_camera Escultura en homenaxe á xornalista Anna Politkovskaya, na sede editorial do 'Novaya Gazeta' (Foto: Novaya Gazeta)

Os xornalistas Maria Ressa, filipina, e Dimitri Muratov, ruso, foron recoñecidos co premio Nobel da Paz que concede cada ano o Comité Noruegués, polos seus esforzos para salvagardar a liberdade de expresión e o xornalismo independente e, por extensión, a democracia e a paz.

O xurado recoñeceu a súa "loita valente" tanto nas Filipinas como en Rusia, mais tamén os describiu como un exemplo dos xornalistas que traballan en "condicións cada vez máis adversas". "Sen liberdade de expresión nin de prensa, será difícil promover a fraternidade entre nacións, o desarme e unha mellor orde mundial", engadiu.

Ambos representan dous medios especialmente sinalados nos seus respectivos países, xa que Ressa participou en 2012 na fundación do portal Rappler, crítico co Goberno de Rodrigo Duterte e con actuacións como a súa "guerra contra as drogas", investigada pola Fiscalía do Tribunal Penal Internacional (TPI).

"O número de mortes [nestas operacións policiais] é tan alta que a campaña parece unha guerra contra a propia poboación do país", apunta o xurado nas conclusións, onde describe a Ressa como "unha incansábel defensora da liberdade de expresión". De feito, hai varias causas abertas tanto contra ela como contra o seu medio.

Anna Politkovskaya

Muratov, pola súa banda, lanzou en 1993 Novaya Gazeta, un xornal independente que perdeu ao longo da súa historia seis xornalistas, asasinados. Unha destas vítimas foi Anna Politkovskaya, de cuxa morte precisamente se fixeron 15 anos na quinta feira.

Novaya Gazeta é "o xornal máis independente de Rusia", "cunha actitude crítica co poder", sinalou o xurado, encomiando a "integridade profesional" da redacción e a capacidade para facerse eco de informacións que doutra forma non se publicarían, como casos de corrupción, de violencia policial ou de fraude electoral.

O Comité Noruegués do Nobel recalcou que "un xornalismo libre, independente e baseado en feitos serve como protección fronte aos abusos do poder, as mentiras e a propaganda"

Mikhail Gorbachev

É o primeiro Nobel da Paz ao xornalismo desde 1935, cando o gañou o alemán Carl von Ossietzky tras revelar o plan secreto de rearme alemán no período posterior á I Guerra Mundial.

Muratov é o primeiro ruso en gañalo desde Mikhail Gorbachev en 1990. O líder soviético contribuíu co diñeiro dese galardón ao lanzamento de Novaya Gazeta.

Nunha breve mensaxe, o Kremlin felicitou a Muratov, a quen cualificou de "valente".

Comentarios