Nobel da Paz: declaración política, máis que premio

A vindeira semana coñecerase a vía tomada polo comité noruegués na concesión do premio Nobel da Paz deste ano: ou unha mirada cara ás ameazas globais do futuro ou a volta a un pasado onde este galardón, cunha gran carga política, servía para identificar aliados e inimigos nun mundo dividido en dous bloques enfrontados.
abiy_nobel_prize
photo_camera Abiy Ahmed, primeiro ministro de Etiopía, Nobel da Paz en 2019 (Foto: Comité Noruegués do Nobel)

A próxima semana coñecerase o nome da persoa galardoada co controvertido Nobel da Paz, un premio que sempre tivo unha importante carga política, especialmente durante os anos máis duros da Guerra Fría. Na historia recente foron recoñecidas persoas como Henry Kissinger, ex ministro de Exteriores estadounidense, que o recibiu ex aequo con Le Duc Tho en 1973 pola "negociación do cesamento do fogo en Vietnam". 

Premio de consolación neste caso para un Estados Unidos derrotado naquela guerra; tanto, que o dirixente vietnamita renunciou a el. E premio para un Kissinger que ─tal e como confirmaron os documentos desclasificados a comezos de século─ foi o principal instigador do golpe de Estado en Chile dese mesmo 1973 (ademais de fomentar a guerra sucia na Arxentina e noutros países da rexión).

En 2009, o galardoado foi o presidente estadounidense Barack Obama, que acababa de aterrar na Casa Branca. Tratábase, como aconteceu noutras ocasións, máis dun desideratum por parte do comité noruegués ─designado polo Parlamento deste país membro da OTAN─ que dun recoñecemento, porque na altura non había aínda nada que recoñecer. 

Coas accións bélicas do seu Goberno, non tardou Obama en pór en cuestión aquel exercicio de wishful thinking ─do que sería ideal ou desexábel, mais que a realidade e os feitos contradín─. O ex secretario do premio Nobel da Paz Geir Lundestad recoñecía anos despois, en setembro de 2015, que esa fora a idea, mais que resultara un "fracaso".

Ameaza planetaria

Con esa mesma filosofía de wishful thinking, de facer realidade unha idea máis que de recoñecer determinados logros, preséntase a elección do Nobel da Paz deste ano. O nome da persoa ou entidade premiada polo comité noruegués desvelarase o 8 de outubro, a menos dun mes de que comece en Glasgow unha das citas máis importantes dos últimos anos: a Conferencia da ONU sobre Cambio Climático, a COP26.

Esta é a principal razón para que o nome de Greta Thunberg, a ambientalista de tan só 18 anos de idade, parta como favorita para se facer co galardón. A ciencia insiste en que a cimeira de novembro en Escocia pode ser a última oportunidade para frear o progresivo quecemento global e que o Planeta non se converta nun espazo hostil para a vida. 

Thumberg, cunha imaxe que calla especialmente entre as xeracións máis novas, converteríase na segunda persoa de menor idade en recibir o Nobel da Paz despois da paquistaní Malala Yousafzai, galardoada con 17 anos conxuntamente co indio Malala Yousafzai, pola loita contra a represión da infancia e polo dereito á educación de todas as crianzas, en 2014.

Guerra Fría

Non obstante, hai outros nomes sobre a mesa, cunha mensaxe marcadamente política detrás. A exiliada líder da oposición bielorrusa, Sviatlana Tsikhanouskaya, ou o encarcerado político ruso Alexei Navalny tamén optarían ao premio. Unha decisión que, de se confirmar, retrotraería a institución a época da Guerra Fría, cando eran recoñecidos disidentes soviéticos como o físico e activista polos dereitos humanos Andrei Sakharov, Nobel da Paz en 1975.

A pátina ideolóxica dos Nobel foi o que levou o filósofo e escritor francés Jean-Paul Sartre a renunciar ao premio, neste caso de Literatura, en 1964. Nun anuncio pagado no xornal Le Figaro manifestaba que un escritor non debía aceptar galardóns oficiais que condicionasen a súa pluma. E, basicamente, consideraba que significaría decantarse por un dos dous bloques en que se dividía o mundo naquela altura, cando sempre defendeu o achegamento entre as partes.

'Fake news'

Ademais, coa liberdade de expresión como pano de fondo, estaría entre a lista de finalistas a ONG Reporteiros sen Fronteiras, cuxa vitoria serviría de altofalante para "o gran debate sobre a importancia da información independente e a loita contra as fake news [falsedades con aparencia de información] para a gobernanza democrática", segundo declarou a Reuters o director do Instituto de Investigación pola Paz de Oslo, Henrik Urdal.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a iniciativa Covax para o reparto universal da vacina contra a Covid-19 tamén estarían entre os posíbeis premiados, mais na concesión do Nobel da Paz de 2020 ao Programa Mundial de Alimentos da ONU xa se citou a resposta á pandemia como argumento, o que lles restaría puntos.

En total son 329 os nomes dos nominados este ano, que o Instituto Nobel conservará secretos nunha cámara de seguridade até dentro de 50 anos. Os cinco integrantes do comité deben premiar a persoa "que fixese o maior ou o mellor traballo pola fraternidade entre as nacións, pola abolición ou redución dos exércitos, e pola formación e difusión de congresos pola paz", segundo deixou estipulado no testamento Alfred Nobel. 

Médicos cubanos, os gañadores do público

Non está na lista dos favoritos, mais é a candidatura que máis apoios públicos recibiu ─desde parlamentarios de todo o mundo a presidentes como o surafricano, Cyril Ramaphosa- antes de que o 31 de xaneiro fechase o prazo para presentalas. Trátase do Continxente Internacional de Médicos Especializados en Situación de Desastre e Graves Epidemias "Henry Reeve" de Cuba. Durante a pandemia, uns 3.800 profesionais sanitarios cubanos viaxaron a 40 países de América Latina, África ou Oriente Medio. Tamén, por vez primeira, a Europa, onde prestaron asistencia en Italia. Unha campaña de sinaturas continúa a recoller apoios para que a "Henry Reeve" sexa recoñecida co Nobel da Paz. Esta brigada internacionalista foi creada polo ex presidente cubano Fidel Castro en 2005 para auxiliar o estado de Nova Orleans, nos EUA, tras o paso do furacán Katrina, mais Washington rexeitou a axuda. 

Comentarios