Audiencia Nacional nega a condición de 'español' a un doente psíquico por non coñecer Rajoy

Pronunciouse contra o recoñecemento da 'nacionalidade' a un home do Ecuador e que padece unha discapacidade psíquica porque non saber quen é Rajoy ''evidencia un insuficiente grao de integración e vínculos insuficientes''.


A Audiencia Nacional española negoulle a condición de 'español' a un home do Ecuador que sofre unha discapacidade psíquica porque non soubo dicir quen é Mariano Rajoy e non soubo ubicar a Giralda.

Segundo o tribunal, fica de manifesto que esta persoa, que reside en Almería desde xaneiro de 2006 canda a nai, unha tía e unha avoa e en situación de regularidade, posúe "insuficiente grao de integración e vínculos insuficientes" co Estado español.

Desta maneira, ficou desestimado o recurso interposto contra a negativa previa do ministerio de Xustiza, ao entender que exixir menos requisitos por padecer unha doenza psíquica "suporía unha discriminación positiva que non está prevista no ordenamento xurídico".

Malia que a discapacidade lle está recoñecida polo goberno de Andalucía e que o home participa dun obradoiro "para a integración do enfermo mental" que se imparte desde unha institución pública, a Audiencia Nacional considera que "a integración social en España non depende só do coñecemento do idioma ou da asistencia a un obradoiro ocupacional de manualidades". A familia recorrerá a sentenza perante o Tribunal Supremo por "vulneración de dereitos fundamentais".

Comentarios