O naufraxio máis letal do ano deixa 140 inmigrantes mortos no Senegal

O barco afundiu na costa do país africano, en ruta ás Canarias. A Organización Internacional para as Migracións alertou dun aumento "significativo" das embarcacións que parten desde a zona occidental de África rumbo ao arquipélago
EuropaPress_3366376_trabajadores_cruz_roja_ayudan_muelle_trasladar_migrantes_interceptado_aguas
photo_camera Traballadores da Cruz Vermella axudan en Canarias a varias persoas rescatadas no mar o 9 de outubro (Europa Press)

Polo menos 140 persoas migrantes e refuxiadas perderon a vida logo de que a embarcación en que viaxaban se afundise fronte ás costas do Senegal, no naufraxio máis mortífero rexistrado no que vai de 2020, segundo a Organización Internacional para as Migracións (OIM).

O barco en cuestión partiu do Senegal o 24 de outubro, desde a localidade de Mbour, rumbo ás illas Canarias. Segundo dirixentes locais citados pola OIM, a embarcación incendiouse só unhas horas despois de partir e afundiuse perto de Saint-Louis, na costa noroeste do país.

A embarcación naufragada transportaba unhas 200 persoas, mais só 59 foron rescatadas con vida tras a intervención de barcos oficiais senegaleses e españois e de pesqueiros que traballaban na zona. Localizáronse polo menos 20 cadáveres.

O xefe da OIM no Senegal, Bakary Doumbia, expresou a súa consternación por estes feitos e chamou á "unidade" da comunidade internacional para pór fin ao tráfico de persoas, "que se aproveita de mozos desesperados" que buscan un futuro mellor en Europa.

"Tamén é importante avogar por canles legais que prexudiquen o modelo de negocio dos traficantes e impidan que continúe a morrer xente", engadiu Doumbia nun comunicado.

14 barcos en setembro

A organización alertou dun aumento "significativo" das embarcacións que parten desde a zona occidental de África rumbo ao arquipélago canario. Só en setembro, partiron 14 barcos cun total de 663 migrantes e nun de cada catro casos informouse dalgún tipo de incidente.

A OIM calcula que este ano chegaron a Canarias unhas 11.000 persoas, lonxe das 2.557 rexistradas no mesmo período de 2019 mais aínda por baixo da crise dos caiucos de 2006, cando a cifra chegou aos 32.000. A axencia estima que só en 2020 perderon a vida 414 persoas nesta ruta.

Comentarios