mércores 08/12/21

Steve Bannon, nas sombras da ultradereita

O ex asesor de Donald Trump e ideólogo do populismo mundial, cun papel chave na vitoria de Bolsonaro no Brasil e do Brexit no Reino Unido, detido por fraude e branqueo de diñeiro.
20 August 2020, US, New York: US President Donald Trump's former political adviser Steve Bannon, departs the US Federal Courthouses in Lower Manhattan, following his indictment for defrauding donors through an online crowdfunding campaign that raised over 25 million dollars to build a wall along the US-Mexico border. Photo: G. Ronald Lopez/ZUMA Wire/dpa
ONLY FOR USE IN SPAIN

20 August 2020, US, New York: US President Donald Trump's former political adviser Steve Bannon, departs the US Federal Courthouses in Lower Manhattan, following his indictment for defrauding donors through an online crowdfunding campaign that raised over 25 million dollars to build a wall along the US-Mexico border. Photo: G. Ronald Lopez/ZUMA Wire/dpa

20/8/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
O ex asesor político de Trump sae dos xulgados tras se declarar inocente de conspiración para cometer fraude e branqueo de diñeiro (G. Ronald Lopez / Zuma)

Conta o escritor estadounidense Ronald Radosh, ex activista de esquerdas agora conservador convencido, que nunha conversa en 2013 con Steve Bannon este se confesara admirador de Lenin. Diante da foto dunha súa filla militar, sentada no trono dourado de Saddam Hussein cunha ametralladora no colo, díxolle cinicamente: "Son un leninista. Lenin quería destruír o Estado, e esa é a miña meta tamén. Quero tirar abaixo con todo e destruír o establishment actual".  

Steve Bannon, ex banqueiro de Goldman Sachs e ex asesor político e ideolóxico de Donald Trump, foi detido na quinta feira acusado de conspiración para cometer fraude e branqueo de diñeiro no marco dun proxecto de recadación de fondos para a construción do muro na fronteira con México chamado We Build the Wall ("O muro construímolo nós").

A Fiscalía do Distrito Sur de Nova York acusou ademais outras tres persoas máis: Brian Kolfage, Andrew Badolato e Timothy Shea. O primeiro é un veterano da Forza Aérea dos EUA que perdeu en 2004 as pernas e a man dereita no Iraq e que actuaba como a cara visíbel da organización. 

Os catro usaron boa parte dos 25 millóns de euros recadados para cuestións persoais como "reformas no fogar, pagamentos dun barco, un SUV [Vehículo Utilitario Deportivo] de luxo, un carriño de golf, xoias, cirurxía plástica, pago de impostos persoais e unha tarxeta de crédito". 

Tanto na web como a través dos comunicados públicos, a organización asegurara aos doadores que 100% do diñeiro sería entregado ao Goberno dos Estados Unidos para a construción do muro, unha das promesas estrelas de Trump para gañar as eleccións de 2016.

Bannon foi posto en liberdade baixo fianza tras se declarar inocente diante do xuíz. Segundo informou The Associated Press, "cando saíu dos xulgados, Bannon arrancou a máscara, sorriu, saudou coa man ás cámaras dos medios de comunicación. De camiño cara ao vehículo que o esperaba, berrou: 'Este completo fiasco é para frear a xente que quere construír o muro'".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Ascenso

Acusado de demagóxico, populista e racista polos seus críticos, Steve Bannon é un referente da autodenominada Alt-right ("dereita alternativa", un eufemismo para referirse á ultradereita) e unha figura chave para comprender o ascenso de Trump nos Estados Unidos.  

Bannon chegou á Casa Branca da man do seu actual inquilino (ou viceversa), o 20 de xaneiro de 2017, catapultado desde Breitbart News, a web de referencia da ultradereita populista no país da que a revista Time dixo "meteu material racista, sexista, xenófobo e antisemita na vea da dereita alternativa". 

E viceversa porque Bannon foi o encargado de, nos 88 días que faltaban para a cita electoral cando foi contratado como xefe de campaña de Trump, asegurarse de que Hilary Clinton era identificada ─nas palabras de Bannon─ como "a gardiá dun establishment corrupto e incompetente", e así lograr os votos chave, nos Estados chave, para a vitoria do magnate neoiorquino.

O método para logralo ocúltase entre as sombras, lugar onde ─confesou─ máis a gusto se sinte. Bannon foi vicepresidente do consello de Cambridge Analytica, a compañía de análise de datos que ─tal e como desvelaron The New York Times e The Guardian en marzo de 2018─ se apropiou ilegalmente dos datos de 50 millóns de usuarios de Facebook e utilizounos para condicionar o seu voto. 

Cambridge Analytica era propiedade da familia Mercer ─de Robert e da súa segunda filla, Rebekah─, que tamén é copropietaria de Breitbart News.

Caída?

Trump foi convencido de contratar a Bannon por Robert Mercer, multimillonario de Wall Street que se fixo rico á fronte Renaissance Technologies e de quen un seu ex colega neste fondo de investimentos dixera que "cre que os seres humanos non teñen máis valor inherente que o diñeiro que producen". 

Tempo antes de o facer, Trump xa se fixera cos servizos de Cambridge Analytica tras probarse a súa eficiencia na vitoria do Brexit no referendo do 23 de xuño de 2016, en colaboración co ultradereitista Nigel Farage e o seu partido, o UKIP. Christopher Wylie, o ex empregado que destapou o escándalo, foi chamado a declarar diante do Parlamento británico. "Sen a trampa que permitiu Cambridge Analytica o resultado tería sido diferente", afirmou o coñecido como "o home do pelo rosa".

Bannon, tal e como salientou onte a prensa británica, é amigo íntimo de Farage e admirador do actual primeiro ministro, Boris Johnson, polo que fixo campaña. Nunha entrevista en 2019 na BBC, defendeu que Johnson era necesario para facer efectiva a saída do Reino Unido da UE.

Nesa altura, Bannon xa non era asesor na Casa Branca, onde só estivo sete meses. Abandonou o cargo o 18 de agosto de 2017, menos dunha semana despois dos incidentes racistas de Charlotesville, onde unha muller morreu atropelada por un simpatizante confeso de Adolf Hitler tras unha manifestación de supremacistas brancos. Houbo unha condena unánime, mais Trump culpou "ambos os dous lados". Esta declaración, que recibiu numerosas críticas, foi atribuída a Bannon.

Mantívose, porén, como asesor extraoficial de Trump até que a comezos de 2018 se publicou Fire and Fury, un libro que expoñía as interioridades da Casa Branca e describía o presidente como caótico, impulsivo e ignorante. O seu autor, o xornalista Michael Wolff, contou coa axuda de Steve Bannon para a súa elaboración.

Do Brasil a Europa

Mais Bannon nesa altura xa andaba noutras latitudes. En agosto dese ano reúnese con Eduardo Bolsonaro e acordan colaborar para facer o seu pai, Jair Bolsonaro, presidente do Brasil. As eleccións, como as estadounidenses e o Brexit, seguiron un mesmo patrón de fake news a través da redes. 

E xa en 2019, creou The Movement, unha organización internacional autodefinida como populista de dereitas, con sede en Bruxelas. Desde alí axuda a atopar financiamento a partidos da ultradereita europea e asesora líderes como Marine Le Pen, en Francia, Matteo Salvini, en Italia, Viktor Orban, en Hungría, ou Santiago Abascal, en España. Sempre nas sombras.

Nunha entrevista en 2018, a respecto das críticas que recibía, Steve Bannon afirmou: "A escuridade é boa: Dick Cheney. Darth Vader. Satán. Iso é poder. Só nos vale cando non o entenden. Cando están cegos a quen somos e ao que facemos."

Steve Bannon, nas sombras da ultradereita
comentarios