Morren case tantas persoas migrantes no Mediterráneo como refuxiadas reubicadas pola UE

A Organización Internacional para as Migracións (OIM) sitúa en 3.132 a cifra de persoas mortas  no que vai de ano tentando chegar a territorio comunitario por mar e en 3.701 as reasentadas polas intitucións da UE. 

Caiuco con migrantes no Mediterráneo_Imaxe ACNUR
photo_camera Caiuco con migrantes no Mediterráneo [Imaxe ACNUR]

A chegada de embarcacións através do Mediterráneo ás costas gregas ou italianas, cargadas con ducias ou mesmo centos de persoas que fuxen da guerra, a fame ou como vítimas, mesmo da trata de seres humanos con fins de explotación sexual, deixou de ser nova de abertura nos telexornais e a imprensa. Porén, a cifra de migrantes e solicitantes de asilo que tentar chegar á UE por vías marítimas, e tamén terrestres, non deixa de medrar. 

No que vai de ano (até o 4 de agosto) arrivaron á Unión Europea 273.603 persoas, o 26% das totais de 2015, 1.046.599 persoas. O principal destino continúa a ser Grecia, con 162.335 de acordo cos dados publicados pola Organización Internacional para as Migracións (OIM). Así as cousas, Italia sitúase de novo como un dos puntos de entrada á UE malia que a ruta marítima --que transita a Canle de Sicilia desde Libia-- é unha das máis perigosas e mortíferas. 

No que vai de 2016 faleceron ou desapareceron tentando cruzar o Mediterráneo 3.132 persoas

Neste senso, no que vai de 2016 faleceron ou desapareceron tentando cruzar o Mediterráneo 3.132 persoas, unha cifra próxima á do número de reubicacións levadas a cabo polas institucións comunitarias desde setembro de 2015, isto é, 3.701 persoas procedentes de campos gregos (2.749) e italianos (952). 

Fechar fronteiras

Malia o acordo asinado entre a UE e Turquía no mes de marzo e o fechamento da denominada ruta dos Balcáns, a chegada de migrantes e solicitantes de asilo non cesa. Así é que nas illas gregas --baleiradas após o acordo con Ankara-- permanecen 9.724 persoas dun total de 57.058 diseminadas en toda Grecia entre os distintos campamentos de persoas refuxiadas. Aliás, entre o 21 de xullo e o 4 de agosto, Bulgaria rexistrou 602 chegadas; Hungría 92 e Serbia 46

Doutra banda, nos principais puntos de partida, como Libia ou Nixeria, cóntanse por centos de milleiros as persoas migrantes que agardan cruzar o Mediterráneo. Segundo a OIM en Libia hai 264,014 migrantes en 316 localizacións, o 3% delas en campos de detención. En Nixeria 210,624
 

Comentarios