"Fechar fronteiras lucra as mafias e provoca que máis persoas morran"

A ONG Proactiva Open Arms desenvolve desde setembro de 2015 tarefas de resgate nas augas do Mar Exeo (na illa grega de Lesbos) e desde o 4 de xullo no Mediterráneo Central, fronte ás costas italianas. 

Open Arms
photo_camera [Imaxe PROACTIVA Open Arms]

Son socorristas profesionais e deslocáronse até a illa de Lesbos, en Grecia, despois de ver nos medios de comunicación as imaxes de milleiros de persoas fuxindo da guerra en embarcacións precarias, arriscando as súas vidas. Sen máis apoio económico que os "aforros propios", explica en conversa con Sermos Galiza a súa voceira, Laura Lanuza, un grupo de persoas chegaron a Lesbos "a mediados de setembro de 2015". 

Chegaron a Lesbos a mediados de 2015 sen equipamento e resgataban a nado as persoas refuxiadas

Sen material, comezaron a resgatar persoas a nado e sen equipamento ou empregando as precarias embarcacións nas que chegaban as persoas refuxiadas e migrantes. "Grazas á axuda de decenas de milleiros de persoas" através de doazóns "puidemos quedar e mercar equipamento", apunta. Primeiro dúas motos de auga e a finais de 2015 tres embarcacións equipadas. 

Despregamento da OTAN no Exeo

En marzo de 2016 a Unión Europea e Turquía asinaron un acordo polo que se impuña a deportación colectiva de "malchamados refuxiados, porque non teñen refuxio", sinala Lanuza. Nesa altura, "chegaban ao día a Lesbos 4 mil ou 5 mil persoas" e "o Exeo encheuse de militares para evitar que chegasen". 

A voceira de Poractiva Open Arms fala así da operación despregada pola OTAN nas augas que separan as illas gregas e Turquía. Os buques arrivaron "semanas antes de se facer oficial o acordo" e iniciarse o proceso de baleirado dos campamentos de persoas refuxiadas localizados nas illas, como o de Moria co obxectivo de abriren "campos de detención".

Cando se trata de pór recursos para que non cheguen todo é pouco mesmo pagar a Turquía para que faga de fronteira

Eran "patrullas da OTAN, barcos inmensos" cuxo obxectivo non era en ningún caso resgatar as embarcacións á deriva. Unha "inacción deliberada", denuncia. "Cando se trata de pór recursos para que non cheguen todo é pouco mesmo pagar a Turquía para que faga de fronteira". Malia todo, subliña, "ainda así chegan refuxiados". [Días despois da conversa telefónica con Laura Lanuza a OTAN acordou reunida en Varvosia despregar unha outra operación no Mediterráneo central denominada 'Gardiá do mar']. 
 

O Astral chega ao Mediterráneo

As rutas mudan e aos poucos o Mediterráneo central tornouse de novo --como fora a finais de 2014-- nunha das principais vías de acceso e un camiño "extremadamente perigoso", explica, polo que decidiron comezar a pensar "como ir até alí". E foi da man dun empresario italiano, un magnate cun iate de 30 metros de eslora, como conseguiron unha embarcación. Após "meses de negociacións e de remodelacións" converteron o que noutrora foi un buque de recreo nunha embarcación readaptada e medicalizada na que viaxa unha equipa de nove persoas entre médicos, socorristas e tripulación, o Astral. 

Se a ruta de Lesbos era difícil e arriscada, os 10 quilómetros máis mortíferos, no Mediterráneo é peor

"Se a ruta de Lesbos era difícil e arriscada, os 10 quilómetros máis mortíferos, no Mediterráneo é peor", sinala. "En Libia [principal punto de partida] as mafias traballan doutra maneira polo conflito, suben 150-300 persoas nunha embarcación con combustíbel suficiente para chegar a augas internacionais e de aí á deriva", explica Lanuza. "Eles [migrantes e persoas refuxiadas] non o saben". En troca, di, "os gobernos si e aínda así non existe unha equipa de salvamento marítimo europeo", como reclaman desde Proactiva. Unha "inacción deliberada para non pór recursos", reitera. Nas primeiras 24 horas desde a chegada do Astral atenderon máis dun milleiro de persoas. 

Proactiva Open Arms actúa de maneira voluntaria mais con autorización. De facto, en Grecia "houbo momentos surrealistas" pois antes de se formalizar a súa licenza para iniciar os resgates "recibiamos chamadas de madrugada" das autoridades gregas "para actuar" nun resgate. En Italia, a coordenación das ONGs desenvólvea a Garda Costeira italiana quen se encarga posteriormente de reubicar as persoas en campos. "En Lesbos a inmensa maioría eran sirios, afgás e iraquís" mais tamén "nacionalizados libios e de República Dominicana". No Mediterráneo, sinala, tamén hai "sirios". "Non hai lóxica", di, para sinalar o fechamento de fronteiras como motivador destas viaxes. "Á desesperación non se lle poden pór fronteiras", afirma. Fehalas, di, "lucra as mafias e provoca que máis persoas morran". 

Á desesperación non se lle poden pór fronteiras

"Os gobernos non cumpren coa súa obriga" o que aboca "organizacións como a nosa a facer o seu traballo". "É absolutamente tráxico", nomeadamente cando ven milleiros de crianzas nas embarcacións. "Hai moitísimos nenos, decátaste con cada barca que chega". Segundo ACNUR o 35% da pasaxe desas embarcacións son crianzas, un reflexo, asegura, de que "o drama que viven é tal que poñen en risco a súa vida e a dos seus fillos". 

Comentarios