Reino Unido

Isabel II, a raíña que viu pasar sete papas e 15 primeiros ministros

A monarca morreu esta quinta feira en Balmoral (Escocia).
A raíña, nesta mesma terza feira. (Foto: Jane Barlow / PA Wire)
photo_camera A raíña, nesta mesma terza feira. (Foto: Jane Barlow / PA Wire)

A raíña Isabel II do Reino Unido faleceu "en paz" na tarde desta quinta feira no castelo de Balmoral (Escocia), acompañada polos seus achegados, segundo informou o servizo de comunicación do Pazo de Buckingham contra as 19.30 horas.

O persoal médico xa alertara nas últimas horas da "preocupación" existente ante o agravamento do seu estado de saúde, que mantivo en vilo todo o país.

O seu último acto oficial decorreu esta mesma semana, na terza feira, cando recibiu, tamén en Balmoral, a nova primeira ministra, a conservadora Liz Truss.

Após o seu pasamento, aos 96 anos de idade, o seu fillo maior, Carlos —agora ex príncipe de Gales—, converterase no novo rei e xefe de Estado dos países que conforman a Commonwealth.

O de Isabel II foi o segundo reinado máis longo da historia

Durante o seu longo reinado —70 anos, o segundo máis duradeiro da historia após Luís XIV de Francia, que gobernou até 72 anos e 110 días—, Isabel viu pasar por Downing Street até 15 primeiros ministros e ministras, a comezar por Winston Churchill cando tomou posesión do trono, en 1952, e rematando por Liz Truss, na mesma semana da súa designación oficial.

Isabel non era a seguinte na liña sucesoria natural do Reino Unido, pois o seu tío, Eduardo VIII, non chegou a completar o ano reinando xa que abdicou, en decembro de 1936, para poder casar coa estadounidense Wallis Simpson, divorciada en dúas ocasións. Así, o seu pai substituiuno baixo o nome de Xurxo VI, mais morreu con 56 anos, en 1952, polo que Isabel, desta vez si, tornou na herdeira á Coroa británica.

Aliás, Isabel II sobreviviu o mandato no Vaticano de até sete papas da Igrexa católica: Pío XII, Xoán XXIII, Pablo VI, Xoán Pablo I, Xoán Pablo II, Benedicto XVI e Francisco I.

Comentarios