xoves 21/10/21

O ministro de Xustiza pide ver os indultos con "naturalidade"

O Tribunal Supremo fecha os flocos do informe sobre as solicitudes de indulto formuladas a favor das presas e presos políticos cataláns, último paso para que o Consello de Ministros poida adoptar unha decisión. O ministro de Xustiza abriu a porta a que a concesión poida ser dispar entre as persoas afectadas.

Juan Carlos Campo, ministro de Xustiza, a pasada sexta feira no Congreso. (Foto:A. Ortega - POOL / Europa Press)
Juan Carlos Campo, ministro de Xustiza, a pasada sexta feira no Congreso. (Foto: A. Ortega - POOL / Europa Press)

O Goberno do Estado terá a finais desta semana o informe do Tribunal Supremo sobre o indulto ás presas e presos políticos cataláns que entraron en prisión pola organización do referendo de autodeterminación de Catalunya do 1 de outubro de 2017, informaron fontes xurídicas a Europa Press.

Sobre este informe, imprescindíbel para que o Consello de Ministros adopte unha decisión, falou hoxe Juan Carlos Campo, ministro de Xustiza, que non quixo adiantar as intencións do Executivo estatal e limitouse a solicitar que, sexan ou non favorábeis os indultos, se perciban con “naturalidade”.

Tamén salientou que a resolución dos indultos pode ser diferente segundo a presa política, “semella que os indultos do procès son só un. Non, o indulto é unha cousa que se solicita para unha persoa e, polo tanto, cada expediente terá vida propia”, sinalou nun almorzo informativo. Os indultos “son instrumentos previstos na lei, e polo tanto, hai que velos con naturalidade, sexa favorábel, desfavorábel, total ou parcial”, abundou Campo, que indicou que cando o Supremo remate o seu traballo, “aí haberá un debate e verase a posición do Goberno estatal”.

Unha vez emitido o informe, enviarase cada expediente ao Ministerio de Xustiza, que fará unha proposta ao Consello de Ministros. Así, de acordar o indulto terá que publicalo no Boletín Oficial do Estado mediante un Real Decreto.

Até sete peticións de indulto foron presentadas a favor de Oriol Junqueras, ex vicepresidente da Generalitat; Carme Forcadell, ex presidenta do Parlament de Catalunya; os ex presidentes da Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural respectivamente, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart; e ex conselleiras como Dolors Bassa, Joaquim Forn, Josep Rull, Raül Romeva, Jordi Turull, Santi Vila, Meritxell Borràs e Carles Mundó, estas últimas tres condenadas por desobediencia.

Algunhas das peticións de indulto recibidas comprenden todos e todas as presas políticas e outras só a algunhas das acusadas.

Agárdase un informe do Tribunal Supremo rexeitando o indulto

Fontes xudiciais concordan que non é probábel que o Tribunal Supremo ofreza un informe favorábel á concesión do indulto, motivadas polos argumentos expostos para rexeitar as concesións do terceiro grao, nas que sostiveron que non perciben arrepentimento de parte das persoas xulgadas por organizar un referendo de autodeterminación, e que a aplicación desta medida implicaría “baleirar de contido” a sentenza.

Aínda que tamén a Fiscalía impulsou un informe contrario ao indulto, ningún é de obrigado cumprimento para o Goberno español, que ten a última palabra ao respecto.

O obxectivo do Supremo é ter rematado o informe antes de xuño, despois de acelerarse o proceso ao negarse as presas e presos políticos a enviar alegacións para sustentar o seu indulto.

comentarios