Un mes de ataques, máis frecuentes e violentos, contra os kurdos de Turquía

O prokurdo HDP, inmerso nun proceso xudicial que o pode levar á súa ilegalización, culpa deste "racismo" á campaña impulsada polo Goberno contra a terceira maior formación do país.
manifestacion_Deniz_Poyraz
photo_camera Manifestación tras o funeral de Deniz Poyraz, filla dun empregado do HDP, torturada e asasinada no asalto á sede do partido en Izmir (Foto: HDP)

"As incesantes campañas de difamación do Goberno turco, dirixidas a criminzalizar o HDP, están a resultar en violentos e mesmo fatais ataques físicos contra os kurdos que residen nas provincias occidentais de Turquía". O HDP, siglas en turco polas que é coñecido o prokurdo Partido Democrático dos Pobos, condenaba nun comunicado público emitido nas últimas horas as agresións racistas, cada vez máis frecuentes, contra a cidadanía kurda. 

Agresións ao ronsel da campaña impulsada polo Executivo do presidente turco, Recep Tayyip Erdoğan, para lograr a ilegalización e disolución do HDP, o terceiro maior partido de Turquía. O mes pasado, o Tribunal Constitucional turco aceptou unha denuncia neste sentido, alegando os vínculos do HDP co Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK).

O PKK é un grupo armado insurxente que busca a autodeterminación do pobo kurdo, ben sexa para constituír un Estado propio independente, ben para lograr unha maior autonomía dentro do Estado turco. A súa actividade, desde 1984, concéntrase na zona sueste de Turquía e está considerado unha organización terrorista por Turquía, polos EUA e pola UE.

O HDP nega a súa vinculación con ningunha organización armada e considera que a intención de ilegalizalo non é máis que un "golpe de Estado político". E agora, sinalan no seu último comunicado, alén das manobras político-xudiciais, é a poboación kurda a que está a sufrir a represión en forma de ataques racistas.  

Tortura e asasinatos

Así, de forma cronolóxica, relatan os últimos sucesos. O 17 de xuño, unha persoa armada cunha escopeta atacou a sede do HDP en İzmir, onde torturou e asasinou a Deniz Poyraz, filla dun empregado do partido. 

O asalto producíase tan só unha semana despois de que a Fiscalía reformulase e presentase de novo a petición de ilegalización do HDP (a primeira foi rexeitada); e tamén da detención en Estambul de sete militantes da formación como parte dunha "operación antiterrorista" contra o PKK, en relación coas manifestacións de outubro de 2014 polas que o presidente do HDP, Selahattin Demirtas, e máis de cen compañeiros foran detidos.

O 21 de xuño o Constitucional aceptaba a petición da Fiscalía, que levará o HDP a ser xulgado e ─de ser condenado─ acabar sendo ilegalizado. 

Paralelamente, en xullo retomábanse os ataques. 

O 14 de xullo, outra persoa armada cunha escopeta asaltaba a sede do HDP no distrito Marmaris de Muğla, disparando até 100 balas.

O 19 de xullo, cinco homes e dúas mulleres, foron vítimas de insultos racistas e golpeados con paus despois dun incidente na cola dunha barbaría. İsmail Tan, de 18 anos, e seu primo Ali Tan, de 22, foron acusados de terroristas por falar kurdo, segundo a versión recollida polo HDP no seu comunicado.

O 20 de xullo, outro incidente no distrito Altındağ de Ankara acabou cun tiroteo, no medio do ataque dunhas 150 persoas a unha familia kurda procedente de Mardin.

O 21 de xullo, Hakim Dal, de 43 anos, era asasinado a tiros no municipio de Meram, na provincia de Konya. O acoso contra a súa familia, kurda, para que abandonasen as terras onde pastorean foi o que desencadeou o acoso por parte dunhas 60 persoas, cos disparos ao coche en que viaxaban. Segundo o testemuño dun dos membros da familia ─orixinaria de Diyarbakir, mais residente en Meram desde hai 20 anos─, "non nos queren aquí porque somos kurdos".

Responsabilidade política

Para o HDP "estes ataques racistas son o resultado das políticas de criminalización levadas a cabo pola coalición AKP-MHP [coalición que sustenta o Goberno de Erdogan] contra os kurdos e o HDP". "O uso incendiario da linguaxe, as prácticas discriminatorias das autoridades e a maneira en que as forzas de seguridade fan como que non ven, combinadas, son a principal razón detrás destes ataques racistas", consideran. 

Advirten de que se as "campañas de difamación" non paran e non se procesa os asaltantes, haberá "moitos máis ataques sanguentos". E fan responsábel ao Executivo de Erdogan: "aínda que a violencia foi exercida por civís, a responsabilidade política reside completamente no Goberno". 

Comentarios