Condena xeneralizada ao "golpe político" turco contra a formación pro-kurda HDP

Primeiro foi a expulsión do parlamentario Ömer Faruk Gergerlioğlu e horas despois a petición da fiscalía de ilegalizar o seu partido, o HDP, terceira formación na Asemblea de Turquía, por supostos vínculos co PKK. A actuación non só concitou as críticas da esquerda europea, tamén de Bruxelas e de Washington. 
Gergerlioglu
photo_camera Retrato do parlamentario do HDP expulsado, Gergerlioglu, pintado polo artista e activista Huriye Genç (Huriye Genç)

Formacións de esquerda en Turquía e na UE criticaron onte con dureza as últimas actuacións político-xudiciais en Turquía contra o pro-kurdo Partido Democrático dos Pobos (HDP, nas siglas en turco polas que é coñecido). 

Na cuarta feira, a Asemblea turca retirou a súa condición de parlamentario a Omer Faruk Gergerlioglu, logo de o Tribunal de Apelacións manter unha sentenza contra el de dous anos e medio de prisión por "facer propaganda terrorista". Gergerlioglu, avogado e membro da comisión de dereitos humanos turca, fora condenado por facerse eco no Twitter, en 2016, dunha noticia do dixital turco T24 sobre o conflito kurdo e o colapso do proceso de paz.

Porén, tal e como salienta a ONG HRW, "ninguén do sitio web de noticias que publicou o artigo foi procesado, e o artigo de noticias en si, coa fotografía [de combatentes do Partido dos Traballadores do Kurdistán, PKK], aínda está dispoñíbel en liña e nunca foi obxecto de ningunha orde xudicial que o bloquee ou requira a súa eliminación". O PKK está considerado organización terrorista por Turquía e polos seus aliados, incluídos os EUA e a UE.

A resposta dos compañeiros parlamentarios de Gergerlioglu, membro electo da Cámara desde 2018, foi realizar unha sentada durante a sesión do día. Horas despois, o fiscal xefe da Corte de Apelacións turca, Bekir Sahin, presentaba unha petición de ilegalización do HDP por ter "como obxectivo romper e eliminar a unidade indivisíbel do Estado a través das súas declaracións e accións", segundo recolleu o xornal conservador turco Hurriyet. Ademais, tamén solicita a inhabilitación de 600 membros do HDP, o que dificultaría a refundación do partido con outro nome.

Golpe de efecto político

O partido de Goberno en Turquía é o conservador AKP (Partido da Xustiza e o Desenvolvemento), que conta co apoio do ultradereitista MHP (Partido de Acción Nacionalista). Nos últimos tempos están a perder apoio electoral, máis coa crise económica consecuencia da pandemia. Con todo, o desgaste xa vén de antes: nas municipais de 2019, o AKP perdeu as alcaldías de Istambul, a principal cidade do país, e da capital Ankara en favor dos candidatos do Partido Republicano do Pobo (CHP, socialdemócrata). As vindeiras eleccións xerais serán en 2023. 

Devlet Bahceli, líder do MHP, celebrou a decisión da fiscalía da Corte de Apelacións: "O HDP é unha organización criminal disfrazada cun manto político. É un deber histórico e moral que sexa disolto e que nunca sexa reconstituído baixo outro nome".

Ao respecto, o HDP emitiu onte un comunicado onde repasa a "historia de acoso e ilegalización" á que se viu sometido no pasado o partido e as formacións das que é herdeiro. "A opresión do Goberno sobre o HDP e outras formacións democráticas intensificarase con certeza nos vindeiros meses; e tamén o fará a nosa loita", salientaron, convidando "unha vez máis" á comunidade democrática internacional a solidarizarse e actuar contra o Goberno turco. 

Solidariedade da esquerda

"Se defendemos a democracia, temos que abandonar o proceso de ilegalizar e disolver partidos políticos", sinalou tamén onte Kemal Kılıçdaroğlu, líder do CHP, principal partido da oposición. Incidiu en que a Constitución di que "os partidos políticos son elementos indispensábeis da democracia". Turquía ten un longo historial de disolución de partidos políticos, incluídos os pro-kurdos.

E nunha conversa conxunta recollida pola axencia Bianet, os líderes de catro partidos turcos da esquerda extraparlamentaria coincidiron onte en sinalar que "de se ilegalizar o HDP, as tensións políticas aumentarán". Os representantes do Partido Revolucionario (DP), do Partido da Esquerda (SOL Parti), do Partido do Traballo (EMEP) e do Partido da Refundación Socialista (SYKP) cren que "se non nos poñemos en pé, pagaremos un alto prezo", salientando a disolución do HDP é un problema que afectará "non só aos kurdos".

Desde a UE tamén houbo unha reacción inmediata aos últimos acontecementos. O Grupo de Amizade Kurda no Parlamento Europeo emitiu un comunicado condenando "enerxicamente" o proceso de ilegalización do HDP en Turquía: "Tras a escandalosa destitución de alcaldes kurdos, Erdogan agora quere ilegalizar un partido democrático polo que millóns de persoas votaron". 

O HDP foi o terceiro máis votado nas xerais de 2018, con 5,9 millóns de sufraxios. En 2019, tras as municipais, o Ministerio do Interior do Goberno que preside Recep Tayyip Erdoğan ─tamén xefe de Estado turco─ destituíu varios alcaldes electos do HDP, por supostos delitos de terrorismo.

A nova manobra-político xudicial é "ademais de ilegal e antidemocrática, unha violación dos dereitos civís e políticos. Suporía o último paso cara á ditadura e a fin da democracia turca", sinala o comunicado que asinan os copresidentes do Grupo de Amizade Kurda: o austríaco Andreas Schieder, do Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas (S&D); o corso François Alfonsi, dos Verdes/Alianza Libre Europea (ALE); e o danés Nikolaj Villumsen, do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (A Esquerda).

UE e EUA

As críticas chegaron tamén a nivel institucional. Nacho Sanchez Amor, relator do Parlamento Europeo sobre Turquía ─vello candidato a entrar na UE─, afirmou que "camiñando cara a fin do pluralismo sen remorsos, que reacción espera Turquía da UE? Unha axenda positiva?". 

E a Casa Branca manifestou que a ilegalización do HDP "subvertería en gran maneira a vontade dos votantes turcos, socavaría máis a democracia en Turquía e negaría a millóns de cidadáns turcos a súa representación electa". 

Comentarios