Segundo a enquisa de Gesop

Medra a maioría nacionalista en Catalunya

As forzas independentistas e de progreso aumentan en intención do voto de cara ás eleccións do vindeiro ano en Catalunya, segundo se desprende da enquisa realizada por Gesop e difundida polo xornal El Periódico. 
enquisa
photo_camera Imaxe da enquisa publicada por Gesop. (Foto: electomania)

Segundo os seus datos, a forza maioritaria no Parlamento catalán, se as eleccións se levasen a cabo agora, sería ERC (Esquerra Republicana de Catalunya) con 22% de votos e 35 escanos e seguiría a esta formación, moi de preto, JxCat (Junts per Catalunya), con 19,4% das papeletas e 31 deputados e deputadas, ademais de ser a súa candidata, Laura Borrás, a mellor valorada polo electorado.

A outra formación nacionalista, CUP (Candidatura d'Unitat Popular) recadaría 5% dos votos e sete escanos. Desta maneira, os partidos independentistas coparían 46,4% de votos de cataláns e catalás.

O PSC (Partido Socialista de Catalunya) sería a terceira forza do Parlamento catalán, con 18,9% de votos e 27 escanos. Mentres que a formación Catalunya en Comú atinxiría 7,5% de papeletas e nove escanos, situándose cun máis que nas pasadas eleccións.

Cae Ciudadanos e entra Vox no Parlamento  

As forzas políticas de dereitas, segundo a enquisa de Gesop, saen claramente derrotadas fronte aos partidos de progreso e independentistas e así, Ciudadanos e o seu candidato Carlos Carrizosa terían 10,6% de votos e 14 escanos, se as eleccións fosen agora, fronte aos 36 logrados nas pasadas eleccións.

O Partido Popular tería 5,9% de votos e sete deputadas e deputados. 

Ademais, a formación de ultradereita, Vox, entraría no Parlamento catalán, onde aínda non ten representación, e faríao con 4,5% de votos e un total de cinco escanos.

Comentarios