Xuízo polo 9N/nova mobilización masiva do soberanismo

Mas, Ortega e Rigau non contestan as perguntas da fiscalía por axir "con criterios políticos"

Artur Mas, Joana Ortega e Irene Rigau -ex presidente, ex vicepresidenta e ex conselleira de Educación da Generalitat- prestaron esta segunda feira declaración no comezo do xuízo pola consulta de autodeterminación do 9N. O limiar do acto xudicial foi unha nova mobilización de masas soberanista.

Manifestación soberanista inicio xuízo 9N contra Artur Mas, Joana Ortega e Irene Rigau
photo_camera Miles acompañaron Mas, Ortega e Rigau ao Tribunal, entre eles o presidente da Generalitat, Carles Puigdemont

Por volta de 50 mil persoas mobilizáronse esta segunda feira para ateigar a Praza Lluis Companys e acompañar os altos cargos da Generalitat aos que se acusa da comisión de delitos de prevaricación e desobediencia grave por organizar unha consulta autodeterminista o 9N de 2014 contra a suspensión ditada polo Tribunal Constitucional.

O xuízo comezou a se desenvolver esta mañá no Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya.

A primeira estratexia de defensa de Mas, Ortega e Rigau foi non contestar as perguntas da fiscalía por considerar que é un órgao non neutral e por estimar que se move exclusivamente por "criterios políticos" ditados por Madrid. Destarte, os ex altos cargos da Generalitat responderon exclusivamente as perguntas da súa equipa de avogados.

A tese básica de Artur Mas -o ex presidente fixo a declaración máis longa, por volta de 44 minutos- é que o 9N non se realizou nen unha consulta nen un referendo, senón simplesmente un "Proceso de Participación", nen organizado nen supervisado pola administración catalá, senón por unha rede de persoas voluntarias.

Argüíron tamén as acusadas que o Tribunal Constitucional en ningún momento as advertiu formalmente das consecuencias que poderían se derivar da non suspensión do "Proceso de Participación".

Nese sentido, a máis explícita foi Joana Artega, ao alegar que, após o 4N o Tribunal Constitucional ditar a suspensión da consulta, o seu departamento non voltou a producir nengunha providencia en relación co proceso.

A fiscalía pide 10 anos de inhabilitación para Artur Mas pola pretensa comisión dos delitos de prevaricación e desobediencia grave e 9 anos para Ortega e Rigau como colaboradoras necesarias na perpetración deses ilícitos penais.

Comentarios