A Organización Mundial da Saúde considera que a situación se tornou de "emerxencia internacional" para a saúde pública e pide axuda para frear o avanzo da enfermidade que causou a morte dun milleiro de persoas na África Occidental, nomeadamente en Liberia, nos últimos cinco meses.
Segundo a directora xeral da OMS, Margaret Chan, a epidemia é a peor nos últimos corenta anos e as consecuencias da súa propagación son "particularmente graves".
Para a organización internacional a situación tornouse de "emerxencia sanitaria internacional" após atinxir cidadáns en Nixeria, Serra Leoa e Guiné-Conacri polo que demandou "unha resposta coordenada" para "facer recuar" a propagación.
Frear a epidemia nun país onde "mercar unhas luvas custa máis do que un gaña nun día"
Porén, a situación é complexa en países onde mercar "unhas luvas custan máis do que se gaña nun día" afirmou Samuel Bonifácio, un portugués de 25 anos que se mudou hai catro anos para o Moçambique, en declaracións recollidas polo diario portugués, Público.pt.
"O salario dun serra-leonés é de 80-85 euros ao mes e os hospitais de campaña son tendas de pástico nas que case non hai divisións entre os doentes infectados", explica un portugués residente en Serra-Leoa
"O salario dun serra-leonés é de 80-85 euros ao mes", explicou Bonifácio, "os hospitais de campaña son tendas de pástico nas que case non hai divisións entre os doentes infectados. É case todo no medio do mato e basta con vir vento para se mesturar todo", indicou.
A realidade social en Liberia non dista moito da que atinxe a súa veciña Serra-Leoa. No epicentro da epidemia xa son tres as provincias en que se instaurou a corentena. Ninguén entra nen sae. Da mesma maneira, ambos os dous países fecharon as súas fronteiras.
Polo de agora non existe cura para o ebola. Unha enfermidade que se transmite através dos animais --especialmente os morcegos-- e por contacto sanguíneo, líquidos ou tecidos biolóxicos. Algunhas das persoas infectadas, a comezar por dous cidadáns estadounidenses e o cura español infestados en Liberia, recibiron un tratamento en fase experimental (ZMapp) que aínda non fora probado en humanos.
Morre o primeiro dos doentes tratados con ZMapp
A vacina foi desenvolvida pola farmacéutica estadounidense Tekmira Pharmaceuticals, porén o seu grao de efectividade está en cuestión. Desde a OMS continúan a debater sobre o asunto embora a presidenta de Liberia asegurou que o país tamén recibirá o soro para o testar con doentes.
Neste senso, a terza feira (12 de agosto) o sacerdote español que estaba sendo tratado con ZMapp faleceu, o que mingua as posibilidades de que o soro poida ter realmente o efecto desexado.