Macron insiste na posibilidade de envíar tropas francesas a Ucraína: "Non descartamos esta opción"

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, concedeu esta quinta feira pola noite unha entrevista en directo na televisión estatal sobre como seguir apoiando a Kíiv.
O presidente francés, Emmanuel Macron (Foto: Vincent Isore / Europa Press / Contacto).
photo_camera O presidente francés, Emmanuel Macron (Foto: Vincent Isore / Europa Press / Contacto).

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, concedeu esta quinta feira pola noite unha entrevista en directo na televisión estatal sobre como seguir apoiando a Kíiv, despois da polémica desatada o mes pasado na Unión Europea (UE) cando dixo que non se debía descartar o envío de tropas occidentais a Ucraína.

Nesta ocasión, o mandatario reiterou que, na súa opinión, "Rusia non pode nin debe gañar esta guerra". Segundo o presidente galo, o conflito en Ucraína é "existencial" para Francia e para toda Europa. Ao ser preguntado sobre o posíbel envío de tropas francesas a Ucraína, Macron expresou: "Non descartamos esta opción".

"Asumo expor esta posibilidade", continuou. "Puxemos demasiados límites ao noso vocabulario. Non nos gusta escalar. Non estamos en guerra con Rusia, mais non debemos deixar que gañe", aseverou. "Isto quere dicir que, se decidimos ser débiles, nese momento non estamos a escoller a paz", explicou.

Fracaso da contraofensiva

Ademais, Macron recoñeceu o fracaso da contraofensiva ucraína. "A contraofensiva ucraína non saíu segundo o planeado. A situación é difícil para os ucraínos. Teñen límites en canto a homes porque Rusia é un país máis grande", indicou. Sinalou que "a situación na fronte é extremadamente fráxil". "O inicio de 2024 debe ser o ano do renacemento", asegurou.

"Nunca tomaremos a iniciativa"

Aínda que Macron non descarta o envío de tropas a Ucraína, tamén dixo que Francia nunca tomaría a iniciativa nunha acción militar, suxerindo que a "única responsábel" sería Rusia. "Non seremos nós. Nunca lideraremos unha ofensiva, nunca tomaremos a iniciativa", declarou.

"Francia é unha forza para a paz. Simplemente, hoxe, para ter paz en Ucraína, non debemos ser débiles. E por tanto debemos mirar a situación con lucidez e debemos dicir con determinación, vontade e coraxe que estamos listos para usar os medios para lograr o noso obxectivo", explicou. Así mesmo, Macron opinou que Moscova "é un adversario" de París. "Estamos a facer todo o posíbel para garantir a derrota de Rusia", afirmou.

Bastan 100 proxectís ao día?

En paralelo, o mandatario describiu a produción francesa de 100 proxectís ao día como "modesta e bastante normal", mentres que o Exército ucraíno consome esa cantidade en poucos minutos. Destacou que Francia está a incrementar as súas capacidades de produción, mais que o proceso leva tempo.

"Aumentamos en máis de tres veces a nosa produción de categorías de proxectís e mísiles que son relevantes para os ucraínos", indicou a respecto diso. Kíiv e París asinaron en febreiro un acordo bilateral en materia de seguridade, co que Francia comprometeuse a desbloquear este ano até 3.200 millóns de dólares en axuda militar.

Comentarios