Lula reduciu no seu primeiro ano de mandato á metade a cifra de persoas que pasan fame no Brasil

Porén, o país continúa no Mapa da Fame da FAO, no que reingresou co Goberno de Bolsonaro.

Lula da Silva a terza feira. (Foto: Ricardo Stuckert / PR)
photo_camera O presidente do Brasil, Lula da Silva. (Foto: Ricardo Stuckert / PR)

O Goberno brasileiro considera que no primeiro ano do novo mandato de Luiz Inácio ‘Lula’ da Silva caeu a menos da metade o número de persoas que pasan fame no país.O ministro de Desenvolvemento Social, Wellington Dias quen, nunha rolda de prensa con correspondentes estranxeiros, afirmou que existen condicións para volver reducir a niveis mínimos a fame no país en 2026, último ano do mandato do líder progresista.

"Calculo que no primeiro ano de Goberno de Lula conseguimos garantir seguridade alimentaria a uns 20 millóns de persoas que estaban entre os 33 millóns que pasaban fame no país en 2022", afirmou o ministro.

Dias admitiu que os números definitivos só se coñecerán en abril pero que, aínda con cálculos conservadores, pode adiantar que Brasil reduciu a menos da metade o número de persoas con fame. Os programas de loita contra a pobreza e a fame implantados por Lula no seu primeiro mandato (2003-2006) permitiron que a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) retirase a Brasil do Mapa da fame en 2014, cando se calculaba que só 0,7 por cento da poboación tiña desnutrición crónica.

Mais a FAO volveu colocar Brasil no seu mapa en 2022, cos Gobernos de Jair Bolsonaro, tras constatar que perto de 10,1 millóns de persoas pasaban fame, o equivalente a 4,7 por cento da poboación.

Para volver saír da listaxe negativa, Brasil necesita reducir a menos de 5,5 millóns o número de persoas con fame (menos do 2,5% da poboación) por tres anos seguidos, é dicir que iso só será posible en 2026 ou 2027. Un estudo de finais de 2022 e que o Goberno considera como máis confiábel, calcula en 33 millóns os famentos no maior país latinoamericano.

"Lula cría que o que construíra en Brasil era sólido e non poderiamos dar un paso atrás, pero foi unha decepción ver o fácil con que todo foi destruído", afirmou Dias ao referirse ao desarmamento dos programas sociais no Goberno do ultradereitista Jair Bolsonaro (2019-2022).

O ministro agregou que desde que volveu á Presidencia, en xaneiro de 2023, o líder progresista dedicouse a reimplantar e mellorar todos os programas sociais. "Foi un traballo duro pero restituímos todo e un primeiro balance permítenos dicir que en 2023 tivemos unha forte caída, non só do número de persoas con fame senón tamén dos pobres. Pero só en abril saberemos os números definitivos", dixo.

Segundo Dias, tras reducir a pobreza en Brasil  a 22% da poboación en 2014, esa porcentaxe volveu subir a 47 % en 2021 como consecuencia dunha grave crise económica e dos efectos da pandemia de covid.

"Tamén conseguimos números importantes sobre a redución da pobreza. Unhas 700.000 familias conseguiron saír da condición de pobreza en 2023. O 71% dos 1,5 millóns de novos empregos formais xerados polo país o ano pasado obtivéronos persoas que eran consideradas pobres", dixo.

Comentarios