Liberar patentes, tiro ao aire de Biden

O Goberno dos EUA lanzou o guante e a Comisión Europea recolleuno hoxe, con educación máis sen convicción, dicindo que a UE estaría disposta a negociar a proposta de liberar as patentes das vacinas contra a Covid-19. O fin último é acabar coa pandemia canto antes sen deixar ninguén atrás, mais os expertos son escépticos co anuncio.
EuropaPress_3529723_21_january_2021_us_washington_us_president_joe_biden_signs_executive_orders
photo_camera O especialista inmunolóxico Anthony Fauci –á dereita da imaxe– dixo ser "agnóstico" sobre a proposta (Foto: Mandel Ngan / dpa)

"Esta é unha crise sanitaria global, e as circunstancias extraordinarias requiren de medidas extraordinarias", anunciaba Katherine Tai, representante dos EUA ante a Organización Mundial do Comercio (OMC). 

A preocupación polos surtos na India, que poden levar ao xurdimento de variantes do SARS-CoV-2 resistentes ás vacinas, e a presión por parte de varios países que ─liderados precisamente pola India e por Sudáfrica─ defenden desde outubro a medida, levou o Goberno do presidente Joe Biden a dar o paso. Tamén a presión interna por parte de membros do Partido Demócrata, entre outros a senadora e ex candidata presidencial Elizabeth Warren. 

Axiña se produciu o anuncio, as farmacéuticas comezaron a rexistrar perdas na bolsa. Perdas, con todo, lixeiras. O mundo agardaba o pronunciamento do Goberno dos EUA sobre a cuestión e a reunión da OMC, esta cuarta e quinta feiras, era o escenario para dar a coñecer unha posición que se viña ventando desde hai varios días.

"A Casa Branca está a considerar opcións para maximizar a produción e a subministración mundial de vacinas ao menor custo, incluíndo o apoio a unha proposta de exención dos dereitos de propiedade intelectual", declaraba a semana pasada a secretaria de prensa da Casa Branca, Jen Psaki.

Desequilibrio mundial

A medida ante a OMC deuse un día despois de Biden anunciar que o obxectivo do seu Goberno é que 70% da poboación adulta reciba canto menos unha dose da vacina ante do 4 de xullo, Día da Independencia, festa nacional no país.

Segundo o reconto publicado diariamente por USA Today, a día de onte 45% da poboación estadounidense (case 149 millóns de persoas) estaba inoculada. Cifra que contrasta con, por exemplo, Gabón (0,31%; sete mil persoas), Ecuador (5,1%; 900 mil) ou Ucraína (1,8%; 784 mil).

De acordo cos datos da OMS, xa foron administradas máis de 700 millóns de vacinas en todo o mundo, só 0,2% nos países con menos recursos. EUA é dos poucos desenvolvido que non doou ningunha dose a outros Gobernos. 

En Europa, o Centro para a Prevención e Control de Enfermidades cifraba onte a vacinación no Espazo Económico Europeo (a UE mais Islandia, Liechtenstein e Noruega) en 30,6% ─unha dose─ e 11,4% ─as dúas─. 

Apoio de cara ao público

A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, recolleu sutilmente o guante lanzado por EUA. "A UE está lista para negociar calquera proposta que afronte a crise dunha forma pragmática e efectiva", sinalou nun discurso pronunciado onte en Florencia. "Esa é a razón de que esteamos dispostos a analizar como a proposta dos EUA para liberar as patentes das vacinas da Covid-19 pode axudar a lograr ese obxectivo", apuntou.

Líderes europeos como o ministro de Sanidade alemán, Jens Spahn, ou o ministro de Exteriores italiano, Luigi Di Maio, saíron rapidamente a apoiar o popular anuncio. Tamén o presidente galo, Emmanuel Macron, aínda que o seu Goberno matizou que o problema estaba nas carencias na capacidade de produción e nos compoñentes, non nas patentes.

Nunha columna publicada en Le Monde o 27 de marzo, o presidente das farmacéuticas francesas, Frédéric Collet, sostiña que a fabricación de millóns de vacinas "sen comprometer a calidade ou a seguridade das vacinas é un desafío sen precedentes". 

Argumentaba que son "produtos biolóxicos complexos de desenvolver" e que "as ferramentas de produción dispoñíbeis xa están totalmente mobilizadas". 

Proposta pouco práctica

Ninguén no mundo ─agás as farmacéuticas, previo pago─ se opón a que todo o mundo, independentemente da nacionalidade ou condición social, sexa vacinado. Entre outras cousas porque a inmunidade global é a única forma de acabar co virus. Porén, os expertos cren que, na práctica, a liberación de patentes podería non ser a mellor maneira de impulsar a vacinación. Cando menos non da maneira en que foi proposta.

Esta mesma semana, poucas horas antes de os EUA facer o anuncio á OMC, o asesor médico da Casa Branca para a pandemia, Anthony Fauci, dicíase "agnóstico" a respecto desta opción nunha entrevista en Financial Times

"A xente está a morrer en todo o mundo e temos que levar vacinas aos seus brazos da maneira máis rápida e eficiente posíbel", sinalaba o especialista en inmunoloxía. E apuntaba: "Andar de arriba para abaixo, consumindo tempo en avogados e argumentos legais sobre patentes, non leva a nada".

Ademais, o proceso de liberación de patentes para acabar co chamado "apartheid das vacinas" poderíase eternizar e, en calquera caso, ter unha duración moi limitada no tempo. Nese sentido é que xa traballan os grupos de presión das farmacéuticas. Estas defenden que o coñecemento e o persoal experto non pode ser transferido, e que sen o lucro que xeran as patentes non hai incentivo para investigar, xerando un problema para futuras pandemias. 

Porén, os defensores da liberalización din que, ao ser por tempo limitado, apenas lles afectará. The Guardian recollía na cuarta feira que Pfizer prevé ingresar 22.000 millóns de euros en 2021 só pola venda das vacinas da Covid.

As farmacéuticas contan ademais co apoio dos Gobernos onde o sector é potente, como a UE, Reino Unido, Xapón ou Suíza. 

A proposta de liberación de patentes impulsada pola India e Suráfrica, á que agora se sumaría EUA, ten ─contabilizou Politico─ apoio de 60 dos 164 países da OMC. E a liberación das patentes debe ser aprobada por unanimidade, como ben sabe Biden.

Case 190.00 sinaturas  recollidas na UE para unha Iniciativa cidadá

A proposta vén de vello ─foi rexistrada en agosto pasado─, mais tras o anuncio dos EUA colleu pulo nas redes sociais. Chamada Dereito a unha cura. Non ao lucro coa pandemia, esta Iniciativa Cidadá Europea (ICE) ─unha iniciativa lexislativa popular a nivel da UE─ levaba recollidas onte case 190.000 sinaturas para solicitar á Comisión que lexisle para que "os dereitos de propiedade intelectual, incluídas as patentes, non dificulten a accesibilidade ou a dispoñibilidade de calquera futura vacina ou tratamento para a Covid-19". Ademais, que se obrigue xuridicamente a compartir coñecementos de tecnoloxía sanitaria e a que haxa maior transparencia a respecto das contribucións públicas e dos custos de produción das vacinas. Unha ICE precisa de un millón de sinaturas para poder ser tomada en consideración, neste caso antes de 1 de maio de 2022. 

Comentarios